Libraría

«Ninfopoética», de Fátima N. Delgado, preséntase o sábado 23 na Libraría NUMAX

Este sábado 23 ás 20:00 Fátima N. Delgado presenta o poemario Ninfopoética (editado por Urutau), acompañada da poeta Lorena Rei.

Fátima N. Delgado (Barco de Valdeorras, 1981)

"É ovarios, serpe, egua, Salomé, viño tinto, apéndice, dragoa, manequín, Ulises, ouveos e sobre todo muller metáfora. No 2004 obtén o 2º premio no “V Certame de Poesía para novos creadores Díaz Jácome” co poemario Vou xogar ao fútbol coas letras do abecedario, a partir de aí gañará varios premios de poesía dentro e fóra de Galiza. Atopámola na Antología del beso. Poesía última española, en blogs como Las afinidades electivas, El coloquio de los perros e revistas como Dulce arsénico e Poe+. No 2013 publica Vestida de domingo, Antoloxía poética bilingüe dentro da colección Alcálima de Romania Minor. Vive en Madrid dende hai unha década. Alí mestura a súa vida poética coa de actriz e dramaturga. Funda a compañía Meninas Teatro, participa en recitais de poesía e no Poetry Slam Madrid, forma parte do Prostíbulo poético, escribe e roda curtametraxes, produce micro teatros, é creadora nos colectivos Las Tizas Magdalenas Periféricas e Hacedoras de la Puerta e recentemente é unha das fundadoras da compañía de teatro-danza La Méduse. Hai un tempo decidiu pechar os ollos e abrir a boca para berrar de dor, pracer, fame e angustia. Foi entón cando vomitou cada un dos seus anacos ata que se desfixo enteira. Ama xogar coas palabras, espir o seu corpo e parir a súa alma de nómade, de feirante. Fala cando mastiga, cando escribe cospe."

Sobre "Ninfopoética"
Destapar Ninfopoética significa acceder a esa atemporal xuventude das emocións en que todo está por estrear, en que a vida non nos desacelerou abondo aínda, e por iso batemos violentamente contra cada experiencia en lugar de rozar a súa sinuosa xeografía.
Viaxamos nuns versos que translocen inmediatez, présa, ansias, pulsións sen filtro… a aquel tempo iniciático cargado de traxicomedias catárticas, en que vivimos “sempre estoupando petardos de festa”.
As estacións mídense nunha sucesión apaixonada de versos e amores que deixan o seu rastro nunha pel de “rubor transparente”. A velocidade é a consigna desa idade (“non pares/ non pares”)… “pero canto pracer se comprende/ nun segundo”!
A autora lévanos da man a esa estación vital convulsa, bicolor, sen interludios nin estadios intermedios, onde a “impaciencia choca dente contra dente”. A escala cromática de emocións esváese, non hai matices nin grises e o azul deixa de ser a cor favorita, porque “agora son daALtónica/ e vexo todo/ negro”.

Pero “¿esta é a realidade?/ Non, non confundas termos./ Isto é o REALismo”. Tanto ten, a realidade é múltiple e subxectivamente vivenciada. Ao capturar a xuventude latexante, Ninfopoética proclama que a vida pode ser coma un chicle: “si, coma eses que teñen premio”. Por iso, cando os seus versos pasen por ti deixarán un festivo e iridescente “ronsel de lunares”.

(Texto de Paula Fernández Seoane)