Felipe Lage, da produtora Zeitun Films, presenta «Pozoamargo» no Cinema NUMAX
Felipe Lage Coro, director da produtora galega Zeitun Films, visita o Cinema NUMAX o domingo 26 de xuño ás 18:00 para presentar Pozoamargo, filme do mexicano Enrique Rivero coproducido pola entidade galega. Ao remate da sesión, Lage participará nun coloquio co público asistente.
(Foto: Tamara de la Fuente)
A produtora Zeitun Films atópase por detrás dalgunhas das principais obras do Novo Cinema Galego, responsabilizándose da produción de filmes como Todos vós somos capitáns (Óliver Laxe), Arraianos (Eloy Enciso), O quinto evanxeo de Gaspar Hauser (Alberto Gracia) ou Costa da morte (Lois Patiño). O último proxecto producido por Felipe Lage é Mimosas, de Óliver Laxe, que vén de recibir o Gran Premio da Semana da Crítica de Cannes.