Cinema

Foco John Cassavetes: 5 obras clave do gran pioneiro do cinema independente

Entre o 11 de febreiro e o 14 de abril achegámonos ao cinema do xenial actor e director John Cassavetes, cunha selección de cinco obras fundamentais para comprender a un dos grandes autores do cinema independente. As proxeccións terán lugar en pases únicos os martes.

O director norteamericano de orixe grega John Cassavetes (1929-1989) está considerado como un dos pioneiros do cinema independente americano, un movemento que xorde a finais dos 50 como reacción ao cinema dos grandes estudios de Hollywood. A opera prima de Cassavetes, Shadows, considérase o punto de partida dun novo xeito de facer cinema emparellado á Nouvelle Vague ou o Free Cinema, no que o baixo orzamento, as filmacións na rúa ou a improvisación actoral foron elementos esenciais.

Xa nos 60 e 70 Cassavetes rodeouse dunha talentosa troupe de actores e actrices encabezada por Gena Rowlands, Ben Gazzara, Peter Falk ou Seymour Cassel dando lugar aos seus filmes máis persoais, asinando fondas diseccións da parella moderna (Faces), a familia (Unha muller baixo a influencia), o mundo do xogo e os baixos fondos (O asasinato dun corredor de apostas chinés) ou o propio traballo actoral (Noite de estrea).

Velaquí vos damos conta dos filmes, datas e horas do Foco John Cassavetes, un programa que presentamos en colaboración coa distribuidora Avalon e cuxa asistencia computa para a obtención de 1 crédito ECTS da USC dentro do programa Os ollos verdes.

Martes 11 de febreiro | 20:15
Sombras (Shadows)
(1959, 87')

Martes 25 de febreiro | 19:50
Rostros (Faces)
(1968, 130')

Martes 10 de marzo | 21:45
Unha muller baixo a influencia (A Woman Under the Influence)
(1974, 155')

Martes 31 de marzo | 21:45
O asasinato dun corredor de apostas chinés (The Killing of a Chinese Bookie)
(1976, 135')

Martes 14 de abril | 21:45
Noite de estrea (Opening Night)
(1977, 143')