Foco e encontros co cineasta independente americano Jon Jost na estrea do seu filme galego «Casa do silencio»
Jon Jost, todo un mito do cinema independente americano, visitará NUMAX para presentar a estrea de Casa do silencio, filme gravado en Galicia neste 2023. Co gallo da súa presenza imos celebrar en colaboración con aCentral Folque un Foco con tres dous seus filmes máis celebrados e un encontro A cor das palabras organizado co Concello de Santiago.
Nacido en Chicago en 1943 no seo dunha familia militar, Jon Jost é un autor de culto do cinema independente americano. Tras pasar máis de dous anos en prisión por negarse ao alistamento militar durante a Guerra do Vietnam, o cinema de Jost acada unha importante significación política cunha ollada crítica cara aos fundamentos da sociedade americana. Artista autodidacta, experimental, heterodoxo e viaxeiro, Jost desenvolve a súa obra na máis absoluta independencia, con filmes de baixo orzamento pero grandes doses de creatividade que lle valeron o seu recoñecemento en festivais como Sundance, a Berlinale ou unha retrospectiva no Museo de Arte Moderna de Nova York.
Tras seis décadas de creación nas marxes da industria do cinema, Jost leva meses a gravar en Galicia Casa do silencio, o seu novo filme cuxa estrea presentamos en colaboración con aCentral Folque. Co gallo da visita de Jost, que acompañará a estrea, celebramos un Foco con tres obras fundamentais da súa filmografía e un encontro A cor das palabras que nos permitirá coñecer de preto o seu traballo creativo. Entradas xa á venda.
Martes 28 de novembro | 19:45
Last Chants for a Slow Dance (Jon Jost, 1977, 90', VOSE)
Un home insatisfeito coa súa vida laboral e familiar abandona a súa casa, muller e fillos, para vagar durante semanas a través do estado de Montana. Unha road movie terminal, retrato dun home misántropo e amargado. O filme inclúese no top 100 de mellores filmes da historia para o crítico Jonathan Rosenbaum.
* O pase contará coa presentación do crítico e programador Javier Trigales
Venres 1 de decembro | 17:50 / Sábado 2 de decembro | 19:40
Casa do silencio (Jon Jost, 2023, VO)
En 2022 o realizador estadounidense Jon Jost recibe un convite do cineasta venezolano de ascendencia galega Diego Salomon para visitalo á súa casa familiar en Galicia. Tras pasar tres semanas no rural galego Jost atopa unha historia derivada dos tabús dunha familia galega emigrada a Venezuela.
"Un retrato cinematográfico dunha pequena parte de Galicia con cantantes, poetas, paisaxes e xente do común que tenta chegar ao espírito deste lugar. Como sucede na poesía, é oblicuo, indirecto e alude a historias que non podemos contarnos a nós mesmos" (Jon Jost)
* O pase do sábado contará con presentación e coloquio de Jon Jost
Sábado 2 de decembro | 17:45
All the Vermeers in New York (Jon Jost, 1990, 87, VOSE)
O corredor financeiro Gordon achégase a Anna, unha actriz francesa, na sala de Vermeer dunha galería de Nova York. Porén, o romance non resulta. Premio Caligari na Berlinale 1991.
* O pase contará con presentación de Jon Jost
Domingo 3 de decembro | 11:30
Encontro A cor das palabras: «Vivindo e aprendendo, unha vida no cinema», organizado co Concello de Santiago. Entrada gratuíta até completar aforo, reservas en [email protected]
Martes 5 de decembro | 17:45
Coming to Terms (Jon Jost, 2012, 90', VOSE)
Nunha reunión familiar un pai, protagonizado polo cineasta experimental James Benning, comunica unha importante decisión. A familia nun inicio oponse, pero finalmente acordan apoialo ata o fin. "Ao facer este filme tentei abordar un tema axeitado para alguén da miña idade: a morte e o seu impacto social. Aínda que non sexa evidente en principio, o filme pretende ser un retrato dunha familia máis grande: a dos Estados Unidos" (Jon Jost)
- Hoxe
- Ver máis
-
-
Here
VOSE
-
-
A substancia
VOSE