Cinema

Arranca o Foco Mikio Naruse con 4 obras mestras dos anos 50

Os focos de NUMAX comezan fortes o novo ano, cun ciclo que reúne 4 obras mestras de Mikio Naruse, gran cineasta xaponés de valor comparable a Ozu, Mizoguchi ou Kurosawa pero que segue a ser un descoñecido para o público xeral. O foco arrancará neste mes de xaneiro con 4 grandes títulos da década dos 50: Nai, A voz da montaña, Nubles flotantes e Á deriva. Entradas xa á venda.

En ocasións nomeado como o "segundo Ozu", por compartir época, xénero cinematográfico —o shomin-geki, ou drama familiar de clase media-baixa— e rostros do seu cinema —en especial a gran Setsuko Hara—, o certo é que a obra de Mikio Naruse ten relevancia de seu, con filmes que sorprenden aínda hoxe pola súa modernidade e por tratar temas inéditos na época. As grandes protagonistas do cinema de Naruse serán case sempre mulleres fortes que resisten, xa sexa o maltrato masculino, as consecuencias da II Guerra Mundial ou a competitividade do incipiente capitalismo de postguerra.

Alleo a artificios narrativos ou estridencias visuais, o cinema de Naruse ten unha aparencia tranquila pero, unha vez dentro, cada filme acolle un torrente de ideas e emocións. Tal e como ten sinalado o propio Akira Kurosawa: "O cinema de Naruse é como un río de superficie calma e turbulenta corrente subterránea":

A pesar da incuestionable calidade do seu cinema, a obra de Naruse non contou coa difusión merecida sendo, aínda hoxe, un descoñecido para boa parte do gran público. Expertos como Miguel Marías teñen escrito: «Naruse non é o "cuarto grande" entre os xaponeses senón, sinxelamente, un dos 20 ou 25 máis grandes autores cinematográficos que teñan existido xamais». O foco, que arranca con Nai os días 4 e 7 de xaneiro, centrarase neste mes na década dos 50. Ao longo de 2025 darémoslle continuidade cunha escolma das súas mellores creacións da década dos 60.

Horarios e títulos

Sábado 4 / Martes 7 de xaneiro
Nai (Okaasan, 1952, 99')
Con Kinuyo Tanaka e Kyôko Kagawa. Ryosuke traballa día e noite para reconstruír o seu negocio de tinturaría, destruído nun bombardeo. O seu marido Masako e as súas dúas fillas, Toshiko, namorada dun panadeiro de ideas progresistas, e Hishako, fan todo o que poden para axudala, sacrificándose constantemente polo ben da familia.

Martes 14 de xaneiro
A voz da montaña (Yama no oto, 1954, 94')
Con Setsuko Hara e Yôko Sugi. Shuichi, fillo de Shingo, un home de negocios de Tokio, vive cos seus pais e a súa esposa nunha confortable casa. Polas tardes, queda a miúdo na capital, bebendo e divertíndose coa súa querida. A súa muller agarda o seu regreso a altas horas da noite. Shingo, home sabio e de talante moderno, é consciente dos desenfreos do seu fillo e compadece á solitaria Kikuko.

Martes 21 de xaneiro
Nubes flotantes (Ukigumo, 1955, 123')
Con Hideko Takamine e Masayuki Mori. Yukiko e Tomioka foron amantes durante a II Guerra Mundial. Rematado o conflito, Yukiko volve a Tokio en busca de Tomioka, ao que cre divorciado, pero que segue casado. A partir dese momento a súa relación alterna separacións e reencontros mentres outros homes e mulleres continúan coas súas vidas.

Martes 28 de xaneiro
Á deriva (Nagareru, 1956, 117')
Con Kinuyo Tanaka, Hideko Takamine. Rika acaba de perder o seu marido e busca traballo. A súa axencia de emprego envíaa a unha casa de geishas na que precisan alguén que limpe e cociñe. Alí coñece a Tsutayako, a patroa, que acepta contratala, pero axiña coñece que a casa está a atrasar o pago de facturas e que podería poñerse en venda.