Cinema

Foco Robert Bresson: Tres obras mestras en copias restauradas

Do 24 de setembro ao 8 de outubro recuperamos a obra de Robert Bresson nun pequeno foco que inclúe as memorables Pickpocket, O proceso de Xoana de Arco e O diñeiro. O ciclo conta coa colaboración da distribuidora Avalon.

Nas súas 13 longametraxes Robert Bresson (1901-1999) converteuse nunha figura fundamental para o desenvolvemento do cinema moderno. Cun estilo austero e despoxado, alleo á meiranda parte das convencións da narrativa clásica, Bresson desenvolveu un camiño propio que el mesmo chamou cinematógrafo -en oposición ao cinema convencional- e cuxas máximas foron recollidas en forma de aforismos nun libro excepcional: Notas sobre o cinematógrafo. As súas ensinanzas e o seu cinema tiveron gran influencia en cineastas contemporáneos como o finés Aki Kaurismäki.

Os martes de finais de setembro e inicios de outubro, recuperamos en copias restauradas tres dos filmes máis aclamados do cineasta. Comezamos coa sublime Pickpocket, adaptación libérrima do Crime e castigo de Dostoyevski. Seguiralle O proceso de Xoana de Arco, que relata o xulgamento da Doncela de Orleáns desde un estilo austero e minimalista. Rematamos coa que tamén foi a derradeira fita de Bresson, O diñeiro, unha crítica frontal ao materialismo das sociedades contemporáneas.

Xa podes reservar entrada para calquera das tres sesións na nosa web ou na billeteira da sala.

Martes 24 de setembro | 20:00h / Domingo 29 de setembro | 15:45h
Pickpocket (1959, 75')
Michel é un carteirista que non rouba por necesidade, tampouco é cleptómano, rouba para darse a si mesmo un valor, porque o roubo é o medio de expresar os seus sentimentos

Martes 1 de outubro | 20:20h
O proceso de Xoana de Arco (1962, 65')
Guerra dos Cen Anos (1337-1453). Logo de ser capturada nunha batalla contra as tropas inglesas que invadiran Francia, Xoana de Arco, a Doncela de Orleáns, foi encarcerada e procesada por un tribunal eclesiástico que a acusou de bruxaría e a condenou a morrer na fogueira.
* Presentación de Julio Vilariño, crítico, programador e membro do Cineclube de Compostela.

Martes 8 de outubro | 18:00h
O diñeiro (1983, 84')
Yvon é un mozo inxustamente acusado de traficar con diñeiro falso. A partir dese erro xudicial, a adversidade dominará a súa vida. Durante a súa estancia en prisión, o ambiente no que se move vaino degradando e corrompendo ata convertelo nunha persoa sen escrúpulos nin principios morais.