Cinema

O Cinema NUMAX acolle as estreas de dous filmes de Terrence Malick inéditos en España

Dous dos últimos filmes do director estadounidenseTerrence Malick poderán gozarse en Compostela en pantalla grande. As agardadas Knight of Cups e Song to Song chegan a NUMAX este outono en catro pases únicos.
 

O público compostelán terá a oportunidade de achegarse este mes ao cinema dun auténtico director de culto como Terrence Malick (autor de Malas Terras ou A árbore da vida). A súa peculiar linguaxe audiovisual e o coidado estético que imprime ás súas obras acrecentan a importancia de gozalas en pantalla grande.

Dúas das últimas creacións de Malick inéditas até agora en España, Knight of Cups e Song to Song, poderán gozarse en NUMAX en catro pases únicos os días 22, 23 e 29 e 30 de setembro, respectivamente.

En Knight of Cups, Christian Bale interpreta a Rick, un guionista de Hollywood, millonario pero infeliz que intenta buscar o sentido do amor e a vida a través dunha viaxe espiritual por relacións do seu pasado. Cun reparto que completan Cate Blanchett, Natalie Portman, Antonio Banderas, Imogen Poots, Brian Dennehi, Teresa Palmer e Wes Bentley, Knight of Cups tivo a súa premiere internacional no Festival de Berlín de 2015.

Protagonizada por Rooney Mara, Ryan Gosling, Michael Fassbender e Natalie Portman, Song to Song é unha historia de amor, obsesión e traición ambientada no Austin musical que tivo a súa estrea mundial no Festival SXSW en 2017.