Libraría

Gonzalo Hermo presenta «Diario dun enterro»

Continúan as actividades na Libraría, desta volta coa visita de Gonzalo Hermo para presentar Diario dun enterro, gañadora do XIII Premio Narrativa Breve Repsol en 2019. O acto terá lugar o venres 26 de marzo ás 19:30 e nel o autor estará acompañado pola escritora Berta Dávila e o editor Carlos Lema (Ed. Galaxia).

O xurado que concedeu a Diario dun enterro o XIII Premio Narrativa Breve Repsol salientou a «sinxeleza estrutural e o estilo depurado da novela, que afonda nun tema universal como son os rituais da morte e o seu impacto nos roles familiares para debuxar un personaxe protagonista que asume unha oposición ás identidades tradicionalmente atribuídas á súa orixe».

A presentación do libro celebrarase o venres 26 de marzo ás 19:30 horas, nun acto que contará coa presenza de Gonzalo Hermo na compaña da escritora Berta Dávila e de Carlos Lema, en representación da Editorial Galaxia. A entrada é de balde pero contamos con aforo reducido polo que cómpre reserva previa no correo [email protected]. Se non podes acudir á presentación recorda que o acto será retransmitido por streaming nas nosas páxinas de Facebook e Instagram (@numaxcoop).

O autor
Gonzalo Hermo (Taragoña, Rianxo, 1987) é licenciado en Filoloxía Galega e Doutor en Lingüística pola Universidade de Santiago de Compostela. Actualmente vive en Barcelona, traballa como autónomo do sector editorial e é profesor da Escola de Lletres. Publicou tres libros de poesía: Crac (Barbantesa, 2011), Celebración (Apiario, 2014) traducido ao catalán (Godall, 2016) e ao castelán (La Bella Varsovia, 2017) e A vida salvaxe (Pen Club, 2018), con versión catalá do propio autor (Godall, 2019). Pola súa obra poética recibiu, entre outros recoñecementos, o Premio da Asociación Española de Críticos Literarios en 2014, o Premio Nacional de Literatura na modalidade de Poesía Nova en 2015 e o Premio de Poesía Afundación en 2018. Diario dun enterro é a súa primeira novela.