Cinema

Homenaxe a Jean-Luc Godard (1930-2022) con tres obras clave da súa filmografía

Aínda sen asimilar por completo todo o que perdemos co falecemento de Jean-Luc Godard (1930-2022), desde NUMAX queremos ofrecer durante esta semana a nosa pequena homenaxe ao director suízo con tres obras clave da súa filmografía: Vivir a súa vida, La Chinoise e O libro de imaxes.

Co mundo do cinema aínda conmocionado polo pasamento dun dos cineastas máis influentes e relevantes da súa historia, durante esta semana recuperamos tres títulos clave que se sitúan en puntos de inflexión decisivos da obra do director suízo. Comezaremos con Vivir a súa vida, unha das obras máis emblemáticas da Nouvelle Vague francesa que conta coa célebre interpretación de Anna Karina no papel de Nana. De seguido recuperaremos  La Chinoise, antesala da etapa máis política de Godard que recolle todo o espírito revolucionario que había eclosionar un ano despois no Maio do 68. Completamos a viaxe coa derradeira longametraxe de JLG, O libro de imaxes, considerada por moitos como a «pedra de Rosetta do pensamento de Godard» (Jordi Costa). Velaquí o calendario coas tres citas:

Venres 16 e martes 20
Vivir a súa vida (1962, 83', VOSE)

Sábado 17 e luns 19
La Chinoise (1967, 96', VOSE)

Domingo 18 e mércores 21
O libro de imaxes (2018, 90', VOSG)