O cineasta catalán Ignasi Duarte presenta en NUMAX «El monstruo en la piedra»
El monstruo en la piedra chega a NUMAX tras ser premiado en festivais de prestixio internacional como FID Marseille, Mar del Plata ou D'A Film Festival Barcelona. A presentación e coloquio do filme co seu autor, Ignasi Duarte, terá lugar o sábado 17 ás 19:45 e inclúese no ciclo Conversas ficticias Galicia, organizado pola Galería Trinta, entidade colaborado do pase.
El monstruo en la piedra é unha suxestiva peza documental composta integramente dunha conversa co escritor arxentino Alberto Laiseca, que accede a responder ás preguntas que ten formulado a personaxes das súas obras, trazando un diálogo entre os personaxes e o seu autor. Trátase dun xogo que remite á literatura borgiana e no que Duarte, un entrevistador paradóxico e case invisíbel, crea un espazo onde lida co medo, a morte, o amor e o mito, sen esquecer a cervexa.
A sesión, coorganizada coa Galería Trinta, inclúese nunha xira por Galicia titulada Conversas ficticias na que Duarte dialogará cos escritores Agustín Fernández Mallo (mércores 14, Fundación Luis Seoane da Coruña) e Suso de Toro (venres 16, Galería Trinta de Santiago). Seguindo o espírito do filme, Ignasi Duarte fará aos escritores as mesmas preguntas que estes fan nos seus libros aos seus personaxes.
Ignasi Duarte (Barcelona, 1976) fórmase en Filosofía na Autónoma de Barcelona e involúcrase axiña no mundo da arte en moi diferentes disciplinas. En 2003 inicia unha relación profesional co director de teatro Roger Bernat, co que realiza diversos espectáculos. No eido audiovisual, protagoniza a serie de ficción de Canal 33 Detectiu da que tamén é guionista e asina a longametraxe Montemor, coa que acada unha Mención Especial en FidMarsella. El monstruo en la piedra é a súa segunda longametraxe e vén de facer un longo e exitoso percorrido en festivais como FID Marseille, Mar del Plata, L'Alternativa, Transcinema ou a Mostra de Cinema Llatinoamericá de Catalunya.
Na actualidade céntrase na preparación dunha nova longametraxe e o ciclo Conversas ficticias, un proxecto que, xura, ha continuar até a fin dos seus días.