Intemperiadas #04 con Jóia Rara: «Ou subir ou partir as caléndulas»
A cuarta cita do ciclo «Intemperiadas, correspondencias interartes con Xela Arias» chega o próximo sábado 21 de agosto ás 13:30h coa dupla musical Jóia Rara e a intervención sonora que leva por título «Ou subir ou partir as caléndulas». Esta actividade está comisariada por Charo Lopes e apoiada pola Deputación da Coruña.
«Intemperiadas, correspondencias interartes con Xela Arias» é un proxecto comisariado por Charo Lopes para a Libraría NUMAX que conta co apoio da Deputación da Coruña. Ten como alicerce activar a pegada de Xela Arias: a sororidade instintiva, a desobediencia frente un equilibrio inxusto, a creatividade e a experimentación coa palabra son a base para que novas artistas dialoguen hoxe coa poeta falecida en 2003. Este é o punto de partida. O desafío? Transformar o estímulo literario da autora homenaxeada este ano coa celebración do Dia das Letras Galegas en outra cousa. A partir da poesía, desenvolver cadansúa obra-homenaxe, tendo como escenario privilexiado o propio espazo da libraría. Para isto contaremos con cinco artistas diferentes, en cinco citas entre abril e outubro, que desenvolverán unha parte do seu proceso creativo no espazo da libraría, en horario de apertura ao público. Un happening a acontecer entre a bibliografia básica e complementaria dos andeis de Numax, para desenvolver cinco disciplinas diferentes: a fotografía, a música, a ilustración, o téxtil e a cerámica.
Nesta cuarta cita do ciclo Intemperiadas, que terá lugar na mañá do sábado 21 de agosto, intervirán as DJs Akazie e Russinha que forman a dupla musical Jóia Rara. A súa intervención dará comezo ás 12:00 horas con acceso libre dentro das limitacións de aforo da Libraría. Máis tarde, ás 13:30h, as artistas conversarán coa comisaria da actividade, Charo Lopes. Para asistir a esta segunda parte da actividade é necesario reservar praza previamente no correo [email protected]. A conversa será retransmitida en directo a través das nosas páxinas de Facebook e Instagram (@numaxcoop).
As autoras
Acacia Ojea (Vigo, 1994) é Graduada en Belas Artes e Máster en Laboratorio Audiovisual de Creación e Práctica Contemporánea. Na actualidade estuda o Máster en Composición Electroacústica e Novos Medios no Centro Superior de Música Katarina Gurska de Madrid. Ten o itinerario avanzado en estudos musicais na especialidade de piano, e tamén formación en percusión tradicional, batería acústica e técnica vocal. En labores de producción na escena artística e musical em diferentes cidades europeias como Marsella, Madrid, Porto ou Iruña. Como creadora e curadora de música electrónica traballa co nome artístico de Akazie.
Marta Gilino (Ames, 1991) Graduada en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, é adestradora persoal e titulada en Hatha-Vinyasa Yoga e Yoga Vidya Gurukul (Maharashtra, India, 2020). Combina o estímulo das actividades físicas, a perspectiva holística do yoga e a experimentación autodidacta no musical. Co nome artístico Russinha, participou do colectivo musical "Mulheres na Batida" e no dúo "Côco Dança Estímulo". En 2020 fórmase en Producción de Música Club/Electrónica con Ableton Live. Nos últimos catro anos o seu nome consolidouse na encena galega, tendo participado en numerosos festivais e facendo sesións en diferentes salas do país.
«Ou subir ou partir as caléndulas»
A proposta de Jóia Rara é unha interveción sonora que se articula a través de estímulos sonoros, rítmicos e fonéticos. Pensando na libraría coma un refuxio, a intención da peza é ocupar este espazo de xeito sónico abrindo a posibilidade de atender activamente ás emocións que emerxen desde a escoita. A instalación estará artellada co uso de fontes de son dixitais e físicas, arquivos de audio, rexistro de sons en directo, técnicas como a síntese de son a través da creación de autómatas ou o emprego de fenómenos acústicos.
#intemperiadas
En paralelo aos encontros do ciclo, e coa intención de democratizar a creación e abrir liñas de participación social, de forma segura, abrimos unha proposta en paralelo: mediante o uso do hashtag #intemperiadas convidamos a que todas as persoas que o desexen publiquen nas redes sociais a súa creación persoal de homenaxe a Xela Arias. Deste xeito, calquera usuaria de Instagram, Twitter ou Facebook pode publicar de forma aberta a súa creación, contribuíndo a divulgar a pegada da obra da autora homenaxeada este ano coa celebración das Letras Galegas. Fotografías, ilustracións, collages, textos… A participación e o formato é libre. No fin do ciclo realizarase unha selección de entre todas os contidos compartidos, con que se fará unha exposición de peche da actividade. A exposición será física, coas impresións en pequeno formato no espazo da libraría, no modo de literatura de cordel, e permanecerá unha semana exposta.
Descarga aquí o pasquín da actividade.