Libraría

Isaac Xubín presenta «Os largos e longos campos de liño azul»

O martes 19 de febreiro teremos na Libraría NUMAX a Isaac Xubín para presentar a súa última novela, publicada en Galaxia. Será ás 20:00 e o autor estará acompañado por Ismael Ramos, poeta e coordinador de novos proxectos da editora.

Isaac Xubín (A Coruña, 1978) é licenciado en Filoloxía Galega pola Universidade de Vigo e mestre en Política lingüística e planificación da lingua galega. Como narrador publicou obras de relato curto: Château Bobcat e Le pied de Julien DuPuy, ambos os dous primeiro premio do certame Os Viadutos; e de novela: Non hai outro camiño (Xerais, 2016), Premio da crítica Española. Como poeta ten publicado obras entre as que cómpre salientar Con gume de folla húmida (Sotelo Blanco, 2012), Premio Eusebio Lorenzo Baleirón, e A cadencia da fractura (Xerais, 2017), Premio Manuel Lueiro Rey. Como tradutor, profesor e investigador elaborou un dicionario bilingüe galego-éuscaro e foi lector de lingua e cultura galegas na Universidade Nacional de Irlanda (University College Cork). Tamén publicou traducións, entre as que destacan Sete poemas vascos e Tempo de exilio, de Joseba Sarrionandia, polas que gañou os premios Lois Tobío (2013) e Etxepare (2015) respectivamente.

Os largos e longos campos de liño azul

O Dr. Myà chega á conclusión de que o paciente 500-B carece de alma. Semella carecer, cando menos, de nome, xa que os documentos da institución que dirixe non rexistran ningún dato relativo á súa identidade. O paciente, pola súa banda, insiste en decatarse de que dende a fiestra da súa cela non pode ver os campos de liño azul que caracterizan a paisaxe da súa terra. Rahab e Fresser andan na súa procura, pero non acaban de estar seguros de que atopalo sexa o mellor que pode acontecer. Escóitanse tiros no bosque, alguén está a chamar por teléfono, a derrota aparece no horizonte, tan cerca que se pode apalpar.