Libraría

Jacobo Rivero presenta «Bulbancha» na Libraría NUMAX dentro do Hola Nola Fest

A Libraría NUMAX acolle a presentación de Bulbanchas. Música, calle y resistencias desde New Orleans (Clave Intelectual) de Jacobo Rivero o sábado 20 de setembro ás 12.30h no marco do Hola Nola Fest. A entrada é libre ata completar aforo.

A través de catorce historias en formato «documental» e de múltiples conversacións con persoas que están ligadas á cidade, este libro ofrécenos un abraiante retrato de Nova Orleans como espazo de cooperación colectiva e exemplo de rebeldía política e artística. As súas páxinas convídannos a visitar Santiago de Cuba, Haití ou Lavapiés para reconstruír a fascinante historia de mestizaxe cultural que deu lugar ao que coñecemos como son de Nova Orleans. No transcurso desa viaxe, atoparémonos con figuras como Louis Armstrong, Federico García Lorca, Sweet Emma, Allen Toussaint, James Booker, Cole Williams ou Leyla McCalla, e tamén coñeceremos de primeira man as desventuras e andanzas da diáspora flamenca, a incansable actividade do Black Lives Matter e a valente loita das Brigadas Internacionais. Trátase, pois, dunha obra apoloxética na que se defende a música como ferramenta de resistencia, a construción de comunidades sólidas e a forza contestataria da creatividade individual e colectiva. 

Jacobo Rivero é xornalista e escritor. Publicou en medios de comunicación como El País, El Salto ou a revista Más Jazz Magazine, e realizou diferentes tarefas de comunicación en prensa, radio, cinema e televisión. Entre 2015 e 2019 traballou para o Concello de Madrid, desde onde impulsou e coordinou a creación da emisora municipal M21 e a dirección da revista cultural ilustrada M21 Magazine, así como a celebración por primeira vez en España do International Jazz Day, que promove a Unesco.