Libraría

Presentación do libro "59 citas para unha escultura ausente”, de Jorge Varela, este xoves 11

O pintor Manolo Figueiras presentará o xoves 11 ás 20 h, acompañado do artista Jorge Varela, o libro que recolle as fotografías das obras que compuxeron a exposición "59 citas para unha escultura ausente”. O escaparate de NUMAX lucirá algunhas das lousas orixinais da mostra durante estes días.

59 citas para una escultura ausente é o libro que recolle en fotografías o traballo poético escultórico que o artista Jorge Varela realizou para o Centro Cultural Marcos Valcárcel, onde permaneceu exposto ata o pasado 16 de abril. As persoas que acudan ao acto e adquiran o libro recibirán un póster asinado polo seu autor como agasallo.

Jorge Varela defínese como escultor, aínda que os seus traballos son sempre o resultado dunha posta en cuestión dos códigos de comunicación en xeral e das convenciones artísticas en particular. Hai na súa obra un permanente interese polos xogos, desaxustes e desprazamentos lingüísticos; non en balde, como historiador de formación, sabe que a historia é, en gran medida, a historia da escritura, e como bo lector de Leibniz e de Lacan, considera que vivimos na linguaxe e que este modula a razón e constrúe a ciencia, pero ao mesmo tempo o noso devir como seres humanos vive en comuñón existencial coas cousas mesmas antes de pensalas e resolvelas en símbolos, en palabras, ecuacións, obras de arte, etc.

En 59 citas para unha escultura ausente Jorge Varela dispón en lousas rectangulares de mármore unha vasta panoplia de referencias textuais en torno ao tema da escultura. Citas de coñecidos teóricos, críticos e pensadores, xunto a outras de grandes escultores da historia, aparecen gravadas no mármore coma se tratasen de lápidas ou placas conmemorativas. Este traballo presenta certa continuidade con proxectos aneriores como “Desprazamentos da lectura”, no que se suscitaban novos modos de ler distintos textos teóricos a partir de procesos alleos a este ámbito desde unha pesrspectiva irónica. De novo, o desprazamento lingüístico como columna vertebral da obra. A metáfora, a metonimia, a tautoloxía, un xogo de redundancias derivado dun discurso complexo expresado en mármore tallado.

JORGE VARELA (Allariz, 1971) é artista visual e investigador. Licenciado en Historia pola Universidade de Vigo e Especialista universitario en Arte e Críticas contemporáneas pola Universidade de Santiago. A súa obra viuse ultimamente na Galería Santa Fe, en Bogotá, na Fundación Eugenio Granell, en Santiago de Compostela ou no Centro Juan Carlos I de España da Universidade de Nova York.