Libraría

Ledicia Costas presenta na Libraría NUMAX «A balada dos unicornios»

A escritora presentará o 7 de novembro ás 20:00 A balada dos unicornios (Xerais, 2017), obra que foi merecedora do premio Lazarillo 2017. Acompañarana a crítica literaria Montse Pena Presas e o editor Fran Alonso.

«A balada dos unicornios»
Escola de Artefactos e Oficios acolle os mozos e mozas máis brillantes. Son capaces de crear casas motorizadas, sombreiros voadores e outras proezas abraiantes.Ágata McLeod é unha das mellores alumnas, pero hai moitas cousas que descoñece da institución... e do seu pasado. A inventora terá que viaxar á orixe do mundo nunha travesía ateigada de aventuras e perigos. Fantasía e ciencia mestúranse nunha loita sen cuartel que enfronta corvos e unicornios.

Autobibliografía de Ledicia Costas na web de XERAIS:
Nacín en Vigo alá polo 1979, cando o verán estaba a piques de morrer. Neta dun inventor e filla de dous creadores de soños, escribo desde que teño memoria. Debutei na colección Fóra de Xogo coa novela Unha estrela no vento (Xerais 2000), obra escrita en plena adolescencia e que está traducida ao catalán. Na colección Abismos, xunto con outras 24 narradoras, publiquei o relato “Negrita” no volume Narradoras (Xerais 2000). O corazón de Xúpiter (Xerais 2012) é a miña segunda novela, Recinto Gris (Xerais, 2014) a terceira e Un animal chamado néboa (Xerais, 2015) a cuarta. En 2014 gañei o Premio Merlín de Literatura Infantil e o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2015 con Escarlatina, a cociñeira defunta (Xerais, 2014), en 2016 publiquei Esmeraldina, a pequena defunta e Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta (Premio Lazarillo de Literatura Xuvenil 2015), en 2017 A señorita Bubble e Os arquivos secretos de Escarlatina, en colaboración co ilustrador Víctor Rivas, en 2018 As peripecias de Extravaganzza Pérez. Síntome poeta con alma de equilibrista, porque recito nos lugares máis propicios á caída: no autobús, no supermercado, nos bares, en tendas de conxelados… E debe ser por iso que formo parte do colectivo Poetas da Hostia. A miña obra poética está recollida en distintas publicacións colectivas. Individualmente teño publicado o poemario Xardín de Inverno. Son avogada a tempo parcial e poeta a tempo completo. E nas horas libres escribo novela, que é a miña verdadeira paixón.