Libraría

A Libraría NUMAX estará na Feira do Libro de Santiago do 1 ao 8 de maio

A Libraría NUMAX participará na Feira do Libro de Santiago desde este domingo 1 ata o próximo 8 de maio. Poderedes atoparnos na caseta número 2, no paseo central da Alameda e beneficiarvos do 10% de desconto en todos os libros.

A Alameda de Santiago acollerá entre o 1 e o 8 de maio a Feira do Libro de Santiago. A feira estará aberta todos os días en horario de 11.30 a 14.00 e de 17.30 a 21.00 horas. Todas as persoas que se acheguen contarán con descontos do 10% en todos os libros, así como unha interesante programación especial no mesmo espazo.

Este evento está organizado pola Federación de Librarías de Galicia, baixo o lema "Movémonos cos libros". A caseta da Libraría NUMAX acollerá as firmas de Aquí comeza o mar de Blanca Riestra (sábado 7 de maio ás 19:30h) e de Suso Vaamonde. A canción comprometida dun pobo de Fernando Fernández Rego (sabádo 7 de maio ás 20h). Podedes consultar todas as actividades e presentacións pinchando aquí.

A inauguración terá lugar este domingo 1 de maio ás 12:30 horas, coa participación do Conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto; o presidente da Federación de Librarías de Galicia, Ramón Manuel Domínguez López; o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e da escritora compostelá Berta Dávila, pregoneira desta edición da Feria do Libro de 2022.