Cinema

Luis Aller inaugura a Aula «Os ollos verdes» cunha clase de linguaxe cinematográfica

O director e profesor de cinema Luis Aller inaugura a Aula «Os ollos verdes» de NUMAX co relatorio «A historia do cinema en 7 secuencias, 1 sombra e 1 travelling», no que afondará nos distintos elementos que interveñen na linguaxe cinematográfica. A Aula terá lugar o vindeiro sábado 20 de febreiro ás 11:30 e a entrada é de balde. O propio sábado, ás 20:10, Aller presentará o seu último filme, Transeúntes, en carteleira en NUMAX desde o 17 de febreiro.

Aula «Os ollos verdes» de NUMAX bota a andar o sábado 20 de febreiro ás 11:30 coa intervención de Luis Aller quen, ademais de cineasta, é director da Escola de Cinema Bande à Part de Barcelona e conta cunha ampla experiencia docente relacionada co cinema e a súa linguaxe. Para a inauguración da Aula, Aller ofrecerá ao público asistente un relatorio titulado «A historia do cinema en 7 secuencias, 1 sombra e 1 travelling» no que afondará, coa axuda dun nutrido material audiovisual, no cinema como a linguaxe das luces e as sombras, mostrando a importancia das composicións, os ángulos e os movementos de cámara.

A historia do cinema segundo Luis Aller apóiase en autores e filmes como O nacemento dunha nación e Intolerancia —Griffith—, Amencer —Murnau—, The Man I Killed —Lubitsch—, Paixón dos fortes —Ford—, À bout de souffle, O desprezo e Eloxio do amor—Godard—, Lancelot du lac —Bresson—, Hanna e as súas irmás—Allen—, E a vida continúa, A través das oliveiras —Kiarostami—.

A Aula de Luis Aller dará inicio ás 11:30 e ten unha duración estimada de dúas horas. A entrada ao acto é de balde sendo necesaria unha inscrición previa a través do enderezo electrónico [email protected]. No correo debedes indicar o voso nome completo, DNI, enderezo electrónico e número de teléfono.

A Aula «Os ollos verdes» é unha nova iniciativa de NUMAX que propiciará o contacto do público asistente con distintos cineastas que teñen traballado por innovar os xeitos de ver e contar e que non adoitan atopar un espazo nas carteleiras. A aula insírese na sección Os ollos verdes, unha liña de programación central en NUMAX que permite ao público compostelán acceder a filmes de estrea de reducida distribución, asinadas por figuras do cinema internacional ou por realizadoras novas que empezan a pescudar a súa propia linguaxe.

Ademais, a visita de Luis Aller a Compostela completarase o propio sábado 20 de febreiro ás 20:10, coa presentación en sala do seu último filme, Transeúntes, que se poderá ver na pantalla de NUMAX a partir do 17 de febreiro. O proxecto de Transeúntes ten a súa orixe a comezos dos anos noventa e precisou dun minucioso traballo de máis de 20 anos de concepción e montaxe que reflicte unha visión calidoscópica da cidade de Barcelona. O filme achéganos ao efémero da vida de centos de seres humanos no seu devir particular e permítenos observalos coma se abrísemos unha gran fiestra á cidade de Barcelona, que se desprega ante nós a xeito de mapa de vidas cruzadas.

O filme, que en palabras de Quim Casas «acolle o instante en que Griffith encontrou a Godard», está a contar cunha excelente acollida en festivais internacionais, obtendo o Premio Resistencias no Festival de Cinema de Sevilla 2015, e sendo seleccionado na Sección Oficial do BAFICI, o FIC Valdivia e Márgenes. Transeúntes é o segundo filme de Luis Aller tras Barcelona, lamento, coa que gañou o Premio Sant Jordi á mellor ópera prima en 1990.