Libraría

María do Cebreiro presenta a súa antoloxía «A herba de namorar»

O xoves 10 ás 20:00 na libraría NUMAX a poeta María do Cebreiro presenta A herba de namorar, antoloxía que condensa en cincuenta poemas a súa produción dende a aparición de o estadio do espello en 1998 ata o recente Soños. Arquivos. Cartas (2018). Estará acompañada polos escritores Ismael Ramos e Berta Dávila.

No volume, publicado por Galaxia, tamén hai poemas inéditos.  Neste poemario, segundo explican desde a editora, "acompañamos o caudal e os meandros dunha das voces máis singulares e recoñecidas da poesía do novo século".

A herba de namorar é un libro vello e novo ao mesmo tempo, un libro resultado de antologar, en palabras da autora, “aqueles poemas que salvaría se só puidese escoller eses”.

María do Cebreiro (Santiago de Compostela, 1976) é poeta e profesora de Teoría da Literatura e Literatura Comparada na Universidade de Santiago de Compostela. É autora de ensaios, antoloxías e de máis dunha ducia de poemarios entre os que destaca a triloxía composta por Os inocentes (2014), O deserto (2015, Premio da Crítica Española e Premio da Crítica de Galicia), e A lentitude (2017).