Cinema

A sesión de apertura da 15ª edición da MICE vívese en NUMAX

Un ano máis, o Cinema NUMAX será unha das sedes da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE), un evento promovido polo Museo do Pobo Galego que dá a coñecer destacados filmes que se moven no campo da etnografía e a antropoloxía visual. Neste 2020, NUMAX acollerá a sesión de apertura da MICE, coa proxección de dous filmes de Sección Oficial: Dende que chegou a luz (Santiago Teijelo) e En la boca de la mina (Brandán Cerviño). Será o martes 25 de agosto ás 20:00, coa presenza dos seus autores.

O pase inaugural da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico faranos viaxar pola tradición oral do rural galego e os ritos e costumes dun poboado mineiro en Cuba. A sesión, duns 52 minutos de duración, contará coa presentación e posterior coloquio dos seus autores. A entrada é gratuíta até completar aforo, se ben é preciso retirar convite na billeteira de NUMAX a partir do luns 17 de agosto ás 17:00 horas, cun máximo de 2 entradas por persoa.

Martes 25 de agosto | 20:00

DENDE QUE CHEGOU A LUZ
Santiago Teijelo Vázquez | 2019 | 30' | Galicia
Na súa humilde cociña, Carmen cóntanos historias que tratan sobre a súa cultura e a súa sociedade infestadas de costume, folclore e supersticións. Mentres, o resto da familia continúa coa matanza do porco, unha tradición destinada a desaparecer, que vertebrou a sociedade da Galicia rural até principios do século XXI.

EN LA BOCA DE LA MINA
Brandán Cerviño | 2019 | 22' | Galicia-Cuba
A través dos habitantes de El Cobre, unha antiga cidade mineira cubana, coñecemos a celebración da tradición cimarrona e o recordo das primeiras sublevacións de escravos. Agora a primeira mina de América Latina está pechada e os seus habitantes viven da venda de esculturas relixiosas.