Libraría

Míriam Ferradáns presenta «Peixes de luz» na Libraría NUMAX

A Libraría NUMAX acolle a presentación de Peixes de luz (Kalandraka) de Míriam Ferradáns o luns 23 de novembro ás 19:00h. A autora estará acompañada polo escritor Ismael Ramos. A entrada é libre ata completar aforo.

Ancorados a Bon como centro vital da autora, os versos transitan dende a toponimia marítima do seu Bueu natal ata o sur de Irlanda, pasando pola costa canadense de Terranova. Míriam Ferradáns observa e escoita os vellos mariñeiros curtidos no salitre e busca as palabras que apreixen o vínculo entre o traballo e a necesidade, a fatiga e o desexo, o sacrificio e a supervivencia: “un xeito propio de mirar o mar, a perda e a esperanza”, como apunta no colofón da obra.

A luz aparece entón non como salvación plena, senón como rescaldo: iso que brilla esvaradío, alén da materia ferida, no xesto mínimo, na memoria. Porque nestas páxina revélase a condición vulnerable deses corpos ao vaivén das ondas, a fraxilidade dos lazos afectivos que os prenden á terra. Entre o declive e a dignidade dun tempo e dunha xeración, van emerxendo os trazos existenciais que nos angustian e nos salvan; iso que non se ve, esa sorte de mundo fantasmagórico que se percibe nos seres que non acaban de ter un lugar exacto ao que pertencer. 

Neste tributo ao pasado —que tamén é un certo desquite ao destino— é onde abrolla unha linguaxe atenta ao ritmo, á imaxe e ao silencio; alta poesía que empapa a lectura cunha fonda dimensión metafórica. O lirismo do cotiá nos poemas longos combínase coa beleza destilada en breves composicións, coma pensamentos suspendidos no ar. 

Peixes de luz reserva un capítulo central para plasmar a intimidade, o erotismo e a culpa en clave feminina. Míriam Ferradáns ponlle voz ao desexo das mulleres dos mariñeiros, unha realidade despachada a cotío cun inxusto desleixo que, neste poemario, resárcese xustamente con sensibilidade e audacia: ausencia e soidade, resignación e silencio.

Míriam Ferradáns (Bon, Bueu, 1982) é poeta e articulista. Publicou os poemarios Agosto (2019), Deshabitar unha casa (2017, Premio de Poesía Francisco Añón) e Nomes de fume (2017, Premio Nacional de Poesía Xose María Pérez Parallé). Algúns dos seus poemas foron traducidos ao portugués, alemán, inglés, italiano e finés en revistas e antoloxías. Nomes de fume conta, ademais, con edicións bilingües en castelán e catalán. Colaboradora habitual de Nós Diario, pola súa obra xornalística obtivo o Premio Manuel Lueiro Rey (2023) e o Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego (2021). Peixes de luz (2026) é o seu último poemario.