Cinema

Ana Schulz e Cristóbal Fernández presentan «Mudar la piel»

Chega a NUMAX Mudar la piel, unha das sorpresas da tempada no cinema español, un relato sobre a insólita amizade entre Juan, pai da directora e mediador entre ETA e o goberno español, e Roberto, espía que se infiltrou na súa vida durante anos. Os pases terán lugar o sábado 27 e domingo 28 de outubro con presentación e coloquio dos autores.

Mudar la piel ofrece un tratamento inédito no cinema político español, ao combinar un relato sociopolítico amplo e ambicioso, coa voz íntima da súa autora Ana Shulz, filla do protagonista e testemuña en primeira persoa dalgúns dos procesos narrados no filme. A súa pertinencia ética e estética foi destacada na Carta aberta publicada por Edurne Portela en El País:

«O íntimo indivisíbel do político, o relato persoal atravesado pola historia que desgarrou a nosa sociedade, é unha forma de pensarnos e de investigar moi propia da nosa xeración. O íntimo e a túa ollada, tamén, como forma de cuestionar o pacto entre membros da xeración anterior: as complicidades, silencios, segredos que aceptan e protexen eles, como se fosen só cousa súa, pero que herdamos. (...) Enchemos os silencios herdados con narracións propias.»

Tras a súa estrea en Locarno e festivais de prestixio coma Rotterdam e Donostia poderemos gozar en NUMAX de Mudar la piel na compaña dos seus autores, que ofrecerán presentación e coloquio o sábado 27 ás 20:00 e o domingo 28 ás 17:30.