Libraría

José María Pérez Álvarez presenta «Nembrot» na Libraría NUMAX

O xoves 1 de decembro ás 20:00 terá lugar todo un acontecemento literario na Libraría NUMAX coa presenza do escritor José María Pérez Álvarez para presentar a primeira edición completa de Nembrot, nomeado por Juan Goytisolo como un dos libros máis importantes do que vai de século. No acto participará tamén o artista e escritor Paco Yáñez.

Imaxe: Mani Moretón

Nembrot entrelaza a historia de dous personaxes, Horacio Oureiro e o proteico escritor arxentino Ernesto Bralt, que, como resume unha das voces do relato, eran dous cegos que se buscaban nun cuarto, mais tropezaban cos obxectos sen atoparse xamais, polo cal precisaba de alguén que eludise a interposición dos obstáculos e propiciase o encontro daquelas erráticas singraduras.

O libro, nomeado por Juan Goytisolo nunha reseña publicada no Times Literary Supplement como a mellor novela española de 2003, contou cunha edición en DVD en 2002 e agora a editorial Trifolium recupéraa en formato libro.

José María Pérez Álvarez (O Barco de Valdeorras, 1952) acadou na súa dilatada traxectoria diversos premios como o Mor de Fuentes por Los siete signos, a Hucha de Prata con Un hombre con un sombrero como Humphrey Bogart; o Gabriel Miró, por La vida innecesaria; o Premio Constitución de Novela con Las estaciones de la muerte; ou o Premio Bruguera de Novela (Barcelona, 2008), con La soledad de las vocales.