Libraría

Iván Nespereira presenta «Nueva Galicia», Premio PhotoEspaña 2018

O flamante gañador do Premio PhotoEspaña neste 2018 ao mellor libro autoeditado, Iván Nespereira, visita a Libraría NUMAX para presentar Nueva Galicia o mércores 11 de xullo ás 20:00, nun acto no que tamén intervirá o director artístico do Festival Curtocircuíto, Pela del Álamo.

Nueva Galicia rexistra os rastros de dous movementos. O da árbore do caucho (hevea brasiliensis), que comeza cando 70.000 sementes foron transportadas desde Brasil a Inglaterra polo explorador británico Henry Alexander Wickham a bordo do barco Amazon Ship en 1876, o que permitiu que a especie se expandise por todo o mundo. E o dun grupo de europeos que migran ao Amazonas, atraídos polo auxe económico que xerou a extracción do caucho entre 1850 e 1920, e que botan raíces en diferentes poboacións nas beiras do Río Amazonas. A investigación explora o pasado e os conflitos que xurdiron a partir destes dous movementos, rexistrando xogos de poder, conspiración e traizóns nunha paisaxe concreta.

Iván Nespereira nace en Ourense en 1978, traballa como fotógrafo e realizador freelance no eido da publicidade desde 2002. Inviste tempo en desenvolver proxectos documentais a longo prazo, que parten da investigación e onde a fotografía e o vídeo son as súas principais ferramentas. A súa obra foi proxectada en festivais de cinema como Curtocircuíto, OUFF, Bogoshorts ou Play Doc e exposta no Arquivo Municipal de Lisboa, Fiebre photobook, Dispara e Fotomuseo Cuatro Caminos. Ten colaborado con cineastas cómo Pela del Álamo (N-VI), Vicente Vázquez|Usue Arrieta (Canedo, ANAZAOP) e Óliver Laxe (París#1).

Artigos relacionados