Aula «A cor das palabras» con Nicole Brenez + Foco Marc Hurtado
A cuarta entrega do ciclo «A cor das palabras. Encontros con cineastas», organizado polo Concello de Santiago en colaboración co Cinema NUMAX e o Festival Curtocuíto, contará coa presenza dunha pensadora fundamental do cinema militante e de vangarda: a crítica e programadora da Cinemateca Francesa Nicole Brenez. A aula, que terá lugar o luns 2 de outubro ás 17:45, complétase cun Foco, programado e presentado pola propia Brenez, dedicado ao músico e cineasta francés Marc Hurtado, o domingo 1 de outubro ás 20:15.
A aula de Nicole Brenez, A revolución só se deterá ante a perfección da felicidade. Cinema, ritos e antropoloxía da festa, colle prestada «unha fórmula apócrifa de Saint-Just, citada entre outros filmes en La Chinoise, de Jean-Luc Godard (1967). Xa non reaccionar ante o mundo, senón crear outro, inventado, que firmemente corrixa as insuficiencias e as inxustizas deste que temos e que, para facelo, se quite estoutro de enriba: igual que existen unha literatura e unha filosofía utopistas, existe un cinema utopista, comprometido a preservar os ritos, instantes ou hipóteses de alegría, a crear praceres modernos ou éxtases arrincados a todas as mutilacións individuais e colectivas.» (Nicole Brenez)
A aula ten entrada gratuíta até completar aforo mais podedes reservar a vosa localidade escribindo un correo a [email protected], indicando nome completo e número de contacto.
A profesora, historiadora, crítica e programadora da Cinemateca Francesa, Nicole Brenez, completará o seu paso por NUMAX programando e presentando un Foco á obra cinematográfica de Marc Hurtado, influente músico de vangarda desde a década dos 70, que combina nos seus filmes a libre expresión de imaxes e sons. A sesión terá lugar o domingo 1 de outubro ás 20:15 e inclúe a proxección de tres dos seus maiores logros, Bleu, Blance e Saturn Drive Duplex Redux, este último en colaboración con Alan Vega. Xa podedes adquirir as vosas entradas na nosa web: https://numax.org/cinema/ficha/foco-marc-hurtado
Nicole Brenez (1961) imparte Estudos cinematográficos na Universidade Sorbonne Nouvelle - París 3. Exerce como directora do Departamento de Análise e Cultura de La Fémis desde o ano 2017 e como comisaria de cinema de vangarda na Cinemateca Francesa desde 1996. En colaboración co cineasta Philippe Grandrieux, produce a colección It May Be That Beauty Has Strengthened Our Resolve, consagrada a cineastas revolucionarios que foron esquecidos ou abandonados por parte da historia do cinema. Entre as súas últimas publicacións destacan Cinéma d'avant-garde Mode d'emploi (2012), We support everything since the dawn of time that has struggled and still struggles. Introduction to lettrist cinema (2015) ou Jean-Luc Godard théoricien des images (2015).
«A cor das palabras. Encontros con cineastas» é unha iniciativa do Concello de Santiago en colaboración co Cinema NUMAX que está a permitir ao público da sala coñecer de preto o traballo creativo de cineastas fundamentais cuxo traballo procura novos vieiros para a expresión fílmica. Neste 2017 visitaron NUMAX dentro deste ciclo Alberto Vázquez, Milagros Mumenthaler e R. Bruce Elder. Esta cuarta entrega da actividade inclúese dentro da programación do Festival Curtocircuíto, entidade coorganizadora da aula.
- Hoxe
- Ver máis
-
-
Parthenope
VOSE
-
-
Oh, Canada
VOSG
-
-
Parthenope
VOSE