O cine checo dos sesenta. Alén da Nova Vaga
Durante os meses de febreiro e marzo, a sección de Repertorio de NUMAX estará dedicada a unha das xeracións máis rupturistas e estimulantes do cinema moderno, que se desenvolveu na Checoslovaquia dos anos 60. O ciclo, organizado en colaboración coa distribuidora Lost&Found, arranca o martes 11 de febreiro cun dos cumios deste movemento: Os amores dunha loura, de Miloš Forman.
Na década dos 60, arredor da FAMU (Escola de Cinema e Televisión da Academia de Artes Escénicas de Praga) agroma un dos movementos máis importantes da historia do cinema. Baixo o paraugas da Nova Vaga (Nová Vlna), un grupo de homes e mulleres rebeldes e con enorme talento foron quen de renovar e modernizar as maneiras de facer cinema en Checoslovaquia, con singular maxia e beleza.
O ciclo que agora presentamos, inclúe obras mestras dos principais nomes desta xeración, como Miloš Forman, Vera Chytilová ou Jan Němec, pero sen esquecer a importantes autores como Karel Kachyňa ou Vojtěch Jasný, que xa comezaran a facer cinema na década dos 50 e se mesturaron de maneira natural co novo movemento.
Unha das características máis singulares deste movemento é a incrible variedade formal e temática dos seus filmes. Nese sentido, no ciclo O cine checo dos sesenta. Alén da Nova Vaga non faltarán a comedia (Os amores dunha loura), a crónica sobre a historia recente do país (Diamantes da noite, Carruaxe a Viena), o terror (O incinerador de cadáveres) ou o retrato costumista (A todos os meus bos paisanos). Tamén cómpre destacar a presenza de dúas directoras como son Vera Chytilová (autora d'As margaridas), que puxo a problemática da muller checoslovaca en primeiro termo no seu Falemos doutra cousa, e Drahomíra Vihanová, que viu censurada o seu Un domingo desperdiciado despois da Primavera de Praga.
Programa do ciclo
Martes 11 de febreiro
Os amores dunha loura (Lásky jedné plavovlásky, Miloš Forman, 80', 1965)
Martes 18 de febreiro
Falemos doutra cousa
(O něčem jiném, Věra Chytilová, 1963, 81')
Martes 25 de febreiro
Carruaxe a Viena
(Kočár do Vídně, Karel Kachyňa, 79', 1966)
Martes 4 de marzo
O incinerador de cadáveres
(Spalovač mrtvol, Juraj Herz, 100', 1968)
Luns 10 de marzo
Diamantes da noite (Démanty noci, Jan Němec, 63', 1964)
Martes 18 de marzo
A todos os meus bos paisanos (Všichni dobří rodáci, Vojtěch Jasný, 115', 1968)
Martes 25 de marzo
Un domingo desperdiciado (Zabitá neděle, Drahomíra Vihanová, 79', 1969)