NUMAX presenta o seu programa didáctico «NUMAX na escola»

O vindeiro luns 22 de febreiro ás 19:00 horas o Cinema NUMAX (R/ Concepción Arenal, 9) abre as súas portas ao profesorado de educación primaria, secundaria e bacharelato para convidalo a participar na presentación de «NUMAX na escola», un programa didáctico destinado a alumnado e corpo docente, que busca achegar o cinema aos centros de ensino a través dun catálogo de proxeccións e unidades didácticas deseñado para un público infantil e xuvenil.

«NUMAX na escola» sitúase como unha liña de traballo central en NUMAX, co obxectivo de facilitar a transmisión de valores e coñecementos a través do cinema. A proposta didáctica da sala compostelá componse de tres partes. Por primeiro, o profesorado ten a posibilidade de visionar no Cinema NUMAX os 5 filmes que compoñen o catálogo do programa para 2016, para así poder escolmar aquelas obras e contidos que se consideren máis axeitados para cada curso e centro educativo. Unha vez feita a escolla, NUMAX achega unidades didácticas de elaboración propia coas que os docentes participantes poden desenvolver na aula, antes e despois de cada proxección, actividades e contidos suxeridos por cada filme. A oferta de «NUMAX na Escola» complétase na propia sala de cinema, coa proxección de distintas obras cinematográficas cuxos contidos transversais permiten un achegamento didáctico axeitado aos deseños curriculares vixentes.

Na presentación do vindeiro luns 22 de febreiro os responsábeis de NUMAX exporán ante o profesorado participante as liñas xerais de «NUMAX na escola», coa proxección en sala de fragmentos significativos dos 5 filmes que compoñen a oferta do programa para 2016: Nubes pasaxeiras (Aki Kaurismäki), Numax presenta... (Joaquín Jordà), Los hongos (Óscar Ruiz Navia), Girlhood (Céline Sciamma) e As vacacións de Monsieur Hulot (Jacques Tati). A sesión ten unha duración estimada de dúas horas e estará acompañada dunha explicación por parte dos responsábeis de NUMAX das aproximacións didácticas propostas para cada un dos filmes.

«NUMAX na escola» presenta como obxectivos fundamentais fomentar a transmisión de valores a través do cinema e promover no alumnado unha ollada crítica e analítica cara á linguaxe audiovisual e cinematográfica. Conscientes da habitual carencia de contidos cinematográficos nos currículos docentes, a proposta de NUMAX procura encher un oco que permita a nenos, nenas e adolescentes contar coas ferramentas axeitadas para interpretar os múltiples estímulos audiovisuais presentes na nosa sociedade.

Todos aqueles profesores e profesoras de educación primaria, secundaria e bacharelato que desexen asistir á presentación de «NUMAX na escola» poden reservar praza a través do correo [email protected] ou no teléfono 981560250.