Libraría

Nuria Díaz presenta o libro ilustrado «Alfred Hitchcock: el niño que filmó el miedo»

Libraría NUMAX acollerá o xoves 19 de outubro ás 20:00h a presentación do libro da ilustradora Nuria Díaz, «Alfred Hitchcock: el niño que filmó el miedo, editada por Libre Albedrío. A autora estará acompañada pola comunicadora Ana Gayoso. A entrada é libre ata completar aforo. 

Segundo o cineasta francés François Truffaut, gran amigo de Alfred Hitchcock: «Un home fórmase entre os sete e os dezaseis anos. Despois vivirá de todo o que asimilou entre esas dúas idades». No libro Alfred Hitchcock, o neno que filmou o medo, penetramos no universo dun dos grandes directores da historia do cinema, a súa infancia, os seus temores e todas as influencias que o converteron no mestre do suspense. A editorial Libre Albedrío segue con esta serie de libros dedicada aos grandes xenios do cinema. Primeiro foi François Truffaut, o neno que amaba o cinema, e continúa agora con este novo título dedicado a un dos directores máis carismáticos e rompedores da historia da sétima arte. Un relato para todos os públicos a través do cal coñeceremos a súa traxectoria, un repaso por películas como Os paxaros, Psicose, A xanela indiscreta ou Vertixe. Un exhaustivo traballo de investigación que se converte nunha homenaxe ao cinema e ás películas a través das preciosas ilustracións de Nuria Díaz.

A Nuria Díaz (Vilagarcía de Arousa, 1982) de pequena encantáballe inventar historias e debuxalas. Unha paixón que nunca abandonou e que converteu en profesión. Estudou Belas Artes na Universidade de Vigo e encamiñou a súa traxectoria cara ao deseño gráfico. Ademais de traballar para o sector editorial, aplica os seus deseños a produtos orixinais.