Libraría

Presentación de 'O deserto', novo poemario de María do Cebreiro

O vindeiro xoves 17 de decembro ás 20:00 terá lugar en NUMAX o acto de presentación do novo libro de María do Cebreiro, 'O deserto', que vén de saír do prelo da man de Apiario Editora. Aparte da propia autora intervirán Antía Otero e a crítica Manuela Palacios.

Ti sabes que o deserto / non admitiría as citas, que non admitiría ningunha cousa / que poida ser estéril.

Un novo libro de María do Cebreiro é sempre un feliz acontecemento. Se ademais está detrás Apiario Editora, responsable dunha coidadosa edición que nós mesmos, desde o departamento de deseño gráfico de NUMAX, tivemos o pracer de deseñar e maquetar, o feito é dobremente feliz. Este xoves 17 teredes oportunidade de escoitar algúns textos de 'O deserto' na voz da propia autora, acompañada para a ocasión por Antía Otero, de Apiario, e Manuela Palacios, crítica literaria.