NUMAX

Abbas Fahdel visita NUMAX para presentar «Homeland» e impartir a Aula «Iraq, entre documental e ficción»

Logo dun intenso mes de outubro, a Aula «Os ollos verdes» do mes de novembro arranca coa visita de Abbas Fahdel. O cineasta iraquí presentará o seu monumental díptico Homeland (Irak Year Zero), e impartirá unha aula titulada Iraq, entre documental e ficción que terá lugar o martes 1 de novembro ás 18:30. A actividade é gratuíta mais podedes reservar praza escribindo a [email protected].

Imaxe: Marco Castro

A novena entrega da Aula «Os ollos verdes» neste 2016 trae a Compostela a un dos grandes nomes do documental contemporáneo. Tras asinar en 2008 L'aube du monde, filme de ficción que situaba unha historia de amor no contexto bélico da Guerra do Golfo, Fahdel decide en 2015 cambiar completamente o rumbo do seu cinema. En Homeland (Irak Year Zero) compón un marabilloso filme dividido en dúas partes, de case tres horas cada unha, na que rexistra a vida cotiá da súa propia familia en Iraq, antes e despois de que a guerra modificase para sempre a sociedade do seu país.

Partindo destas dúas pezas de rexistros case opostos Abbas Fahdel ofrecerá unha Aula «Os ollos verdes» titulada Iraq, entre documental e ficción, na que reflexionará, acompañado de fragmentos dos seus filmes, sobre as diferentes formas cinematográficas coas que ten atinxido o contexto bélico do seu país de orixe. Esta actividade didáctica conta co apoio da Concellaría de Acción Cultural de Santiago de Compostela e a Deputación da Coruña.

Aproveitando a súa visita, Fahdel presentará a estrea en NUMAX de Homeland (Irak Year Zero), filme que vén de causar sensación en ducias de festivais dedicados ao cinema documental, acadando premios en Visions du Réel, Yamagata, Locarno, Montreal, IBAFF, Dokufest e Carthage entre outros. En concreto, Fahdel presentará as sesións de Homeland (Iraq Year Zero) Part I - Before The Fall do luns 31 de outubro ás 17:30 e martes 1 de novembro ás 15:30 e o pase de Homeland (Iraq Year Zero) Part II - After the Battle do luns 31 de outubro ás 20:30. Ao igual que acontece con todas as sesións especiais as persoas protectoras e colaboradoras de NUMAX teñen acceso gratuíto aos pases podendo reservar entradas na nosa billeteira ou escribindo a [email protected].