Cinema

Animación, feminismo e cambio climático n'Os ollos verdes

Na recta final de 2022 volve coller forza o noso ciclo Os ollos verdes que acolle as estreas máis arriscadas e anovadoras da tempada. O estudantado da USC anotado no ciclo poderá acadar 1 crédito ECTS e gozar dunha entrada reducida de 4€. A primeira cita será este luns 24 coa nova creación do ilustrador coruñés Alberto Vázquez: Unicorn Wars.

O ciclo Os ollos verdes vai recuperando aos poucos a súa periodicidade semanal neste último trimestre do ano, con sesións habitualmente nas noites dos luns e unha oferta especial para o alumnado da USC que poderá asistir ás sesións cunha entrada reducida de 4€ ao selar a súa tarxeta do ciclo. Grazas ao acordo coa Universidade de Santiago de Compostela, o estudantado participante poderá acadar 1 crédito ECTS se ao longo do curso visiona un mínimo de 12 filmes e ao remate realiza un traballo específico sobre algún dos aspectos do ciclo cunha extensión mínima de 5.000 caracteres. Máis información en [email protected]. Velaquí a nosa variada proposta para as últimas semanas de 2022:

Luns 24 de outubro
Unicorn Wars (Alejandro Vázquez, Galego, 91 min)
O ilustrador coruñés Alejandro Vázquez (Psiconautas) volve adaptar un cómic propio que nos sitúa nun futuro distópico onde os osiños libran unha guerra sen cuartel contra os unicornios. Unha fábula antibelicista brillante e hipnótica estreada en Sitges e Annecy. O filme proxectarase na súa versión galega e, aínda que terá varios días de proxección en NUMAX unicamente computará para o ciclo a sesión do luns 24.

Luns 31 de outubro
Utama (Alejandro Loayza Grisi, Quechua, 87 min)
No altiplano boliviano vive unha parella de anciáns quechuas que se enfrontan á peor seca das últimas décadas. Loayza Grisi combina o realismo máxico cun toque a western minimalista nunha obra gañadora do Premio do Xurado en Sundance.

Venres 4 e domingo 6 de novembro
Brainwashed: Sex-Camera-Power (Nina Menkes, 105')
A directora norteamericana Nina Menkes investiga sobre as maneiras que tivo e ten o cinema de representar a muller, nun brillante ensaio documental que inclúe máis de 80 fragmentos de filmes entre 1896 e 2020. FIlme especialmente recomendado para o fomento da igualdade de xénero.

Martes 22 e luns 28 de novembro
Tolyatti Adrift (Laura Sisteró, 70')
Achegámonos a Tolyatti, antigo símbolo do progreso e orgullo soviético e hoxe coñecido como o Detroit ruso. Neste espazo devastado xorde o movemento xuvenil Boyevasa Klassika que converte antigos coches Lada en medios de expresión e rebeldía.

Luns 12 e 19 de decembro
Matadero (Santiago Fillol, 106')
O arxentino Santiago Fillol, guionista de O que arde, asina o seu segundo filme como director, unha obra que nos fala da persecución política na Arxentina dos 70 a partir da rodaxe dun filme nos anos previos á Ditadura Militar.

Ademais, computarán para a obtención do crédito da USC a asistencia, previo selado da tarxeta, dos diferentes títulos de Repertorio que vaiamos proxectando, dos que vos podemos adiantar as seguintes citas:

Luns 31 de outubro e martes 1 de novembro: Especial Samaín con A noite dos mortos viventes, obra esencial do cinema de zombies e do gran George A. Romero.

Luns 21 de novembro: Sumámonos ao Centenario María Casares cun pase especial de Orfeo (Jean Cocteau, 1950) protagonizada pola actriz coruñesa.

Martes 29 de novembro: Pase único dunha obra mestra do Neorrealismo: Umberto D. (Vittorio De Sica, 1952)

Venres 3 de decembro: Arranca un foco ao director portugués Paulo Rocha coa estrea d'Os verdes anos (1963) á que seguirán outros 4 títulos do cineasta.