Cinema

«Tarde para morir joven» na reapertura do ciclo «Os ollos verdes»

Coa chegada do novo curso reanudamos as proxeccións do ciclo Os ollos verdes. O cinema inédito de NUMAX coa última creación da talentosa cineasta chilena Dominga Sotomayor: Tarde para morir joven. O estudantado da USC pode acadar 1 crédito ECTS coa asistencia ao ciclo grazas ao acordo coa Universidade de Santiago de Compostela.

A programación anual d'Os ollos verdes continúa co seu afán de ofrecer en pantalla grande obras de referencia no actual panorama cinematográfico que non foron estreadas comercialmente na cidade. Os filmes e cineastas incluídos no ciclo contan co selo de calidade que garante a súa selección e premios en festivais de primeira orde internacional, así como o recoñecemento da crítica especializada.

Para retomar a programación na volta ao curso académico, proxectaremos Tarde para morir joven, suxestiva peza de cámara ambientada no Chile post-ditatorial na que varios mozos e mozas adolescentes descobren os seus primeiros amores e medos nunha comunidade illada. A fita chega a NUMAX tras triunfar en festivais como  Xixón (Mellor Dirección —ex aequo— e Fotografía) ou Locarno, onde Dominga Sotomayor se converteu na primeira muller en gañar o premio á Mellor Dirección. Somotomayor xa cativou a público e crítica en 2012 coa súa opera prima De jueves a domingo, Mellor Filme en Valdivia e Rotterdam.

Tarde para morir joven proxectarase en pase único o luns 9 de setembro ás 21:45.

Consegue 1 Crédito ECTS

Se estudas na USC podes acadar 1 crédito ECTS coa túa asistencia ao ciclo Os ollos verdes. Para iso cómpre que certifiques a asistencia a un mínimo de 12 sesións do ciclo, e redactar ao remate dos visionados un contido específico cunha extensión mínima de 5.000 caracteres, que teña relación con algún aspecto do programa (un filme ou cineasta en particular, un texto que abranga o programa completo de maneira máis informativa, un texto de creación libre a partir dalgunha referencia extraída do programa, algún achegamento analítico). Pide xa o teu cartón «Os ollos verdes» para que cho acuñemos con cada pase e consegue as túas entradas a unha tarifa especial reducida de 4€. As novas proxeccións dan continuidade ás celebradas no curso pasado co que, se xa tes un cartón iniciado, a asistencia aos novos pases reanudarase a partir do último selado. O ciclo Os ollos verdes. O cinema inédito de NUMAX conta coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela.