Cinema

Música a contrafío, feridas de guerra e desencanto xeracional no primeiro trimestre d'Os ollos verdes

O ano arranca con forza no ciclo Os ollos verdes. O cinema inédito de NUMAX, con seis magníficos filmes que nos achegan a novos talentos do cinema contemporáneo. 

O ciclo Os ollos verdes de NUMAX para o curso 2018/2019 continúa neste primeiro trimestre de ano con propostas arriscadas e anovadoras que, a pesar de seren seleccionadas e premiadas en festivais de prestixio, non atoparon o seu espazo nas carteleiras comerciais. A actividade conta co apoio da Universidade de Santiago de Compostela o que permite ao estudantado inscrito no programa asistir ás sesións a un prezo especialmente reducido —4€— e acadar 1 crédito ECTS acudindo a un mínimo de 12 sesións ao longo do curso.

> Luns 7 e 14 de xaneiro: Matangi / Maya / M.I.A. (Stephen Loveridge, 90')
Dúas décadas de vídeos caseiros revélannos a vida de M.I.A., primeiro como refuxiada en Londres fuxindo da guerra en Sri Lanka e logo como estrela nun negocio que non tolera posicionamentos políticos.
Premio Especial do Xurado Sundance 2018

> Luns 21 de xaneiro: Chilly Gonzales. Shut Up and Play the Piano (Philipp Jedicke, 82')
Unha viaxe chea de megalomanía e música de piano con Chilly Gonzales: desde a escena punk de Berlín até o rap orquestral.
Sección Oficial Biografilm Festival 2018

> Luns 4 e 11 de febreiro: Young & Beautiful (Marina Lameiro, 72')
Retrato dunha xeración nova e desencantada que decide vivir baixo os seus propios termos. O filme foi dobremente premiado por NUMAX nos festivais Márgenes e Novos Cinemas neste 2018. A súa directora, Marina Lameiro, presentará a sesión do 4 de febreiro.
Premio NUMAX Exhibición Márgenes 2018 / Premio NUMAX Exhibición Novos Cinemas 2018

> Luns 18 de febreiro: Yara (Abbas Fahdel, 100')
O gran documentalista iraquí, que xa nos visitou en 2016 para presentar Homeland (Iraq Year Zero), relata unha historia de amor nas montañas do Líbano entre dúas vítimas de guerra.
Sección Oficial Locarno 2018

> Luns 4 de marzo: RBG (Betsy West / Julie Cohen, 97')
Retrato da xurista Ruth Bader Ginsburg, xuíza do Tribunal Supremo dos EEUU, considerada como a ala liberal da Corte do Supremo.
Mellor Documental National Board of Review 2018

> Luns 18 de marzo: Still Recording (Saeed Al Batal / Ghiath Ayoub, 122')
Seguimos durante anos a Saeed e Milad, dous estudantes sirios que deciden deixar Damasco e poñer rumbo a Doume, un suburbio baixo o control dos rebeldes.
Premio NUMAX Exhibición Muestra Internacional de Cine de Lanzarote 2018