Libraría

Presentación e taller de lectura de «Palavra perdida», con Inês Fonseca Santos e Marta Madureira

A escritora Inês Fonseca Santos e a ilustradora Marta Madureira visitan a Libraría NUMAX o mércores 30 de novembro ás 18:30 para presentar o seu último libro en común, Palavra perdida. A actividade inclúese no ciclo Caminhos da Literatura Portuguesa na Galiza, organizado polo Instituto Camões.

Palavra perdida é un libro moi coidado no plano estético e especialmente recomendado para lectores iniciais. Nel coñecemos a Manuel, un rapaz que perdeu unha palabra. Buscou nos petos, onde acostuma levar as palabras e faltáballe unha. Non sabe que palabra foi e pide axuda a amigos e curmáns. Para saber cal é a palabra perdida ten que saber que palabras garda aínda nos seus petos.

Este é o primeiro libro para a infancia e xuventude de Inês Fonseca Santos, que encontrou en Marta Madureira a intérprete axeitada para acompañar con imaxes desafiantes esta pequena viaxe de descuberta da linguaxe. Case sen querer, o narrador descobre a importancia das palabras para descubrir con elas o mundo e nomear os seus elementos: as rúas, as casas, a família. O ritmo poético da narrativa vai sendo ilustrado, de modo case abstracto mais orgánico, por un conxunto de pequenas pezas que nos axudaron a compoñer, como nun xogo, un destino. Para Manuel, o protagonista, pero tamén para nós, lectores.

A presentación de Palavra perdida irá acompañada dun taller de lectura a cargo das autoras. O acto, incluído no ciclo Caminhos da Literatura Portuguesa na Galiza do Instituto Camões, terá lugar o mércores 30 de novembro ás 18:30.