Cinema

Pase especial de «Paris, Texas» e coloquio en liña con Wim Wenders

Esta semana tes unha cita imprescindible cunha obra de culto da cinefilia mundial: París, Texas. A Palma de Ouro en Cannes 1984 será proxectada o sábado 22 de abril ás 20:00h en copia restaurada. Ao remate do filme, conectaremos en directo co BCN Film Fest onde Wim Wenders ofrecerá un coloquio retransmitido en streaming en salas seleccionadas entre as que se atopa NUMAX. Entradas xa á venda!

A eterna banda sonora de Ry Cooder, as incribles interpretacións de Harry Dean Stanton e Nastassjia Kinski, o emocionante guión de Sam Shepard, a direccion dun Wim Wenders especialmente inspirado. Todos os elementos déronse a man en 1984 para confluír nunha obra mestra do cinema contemporáneo.

Case 40 anos despois da súa estrea, París, Texas volve á gran pantalla nunha espectacular copia restaurada e coa compaña do seu autor. A cita é este sábado a partir das 20:00h coa proxección do filme e posterior coloquio con Wim Wenders que se retransmitirá en streaming desde os Cines Verdi de Barcelona dentro do BCN Film Fest. Desde a túa butaca de NUMAX, por medio dun código QR, poderás enviar as túas propias preguntas ao cineasta aleman.

Reserva xa a túa praza e non perdas este evento único!