Libraría

Paula Requeijo presenta «Poemas de amor, rabia y fénix»

O xoves 18 de xullo ás 20:00 a Libraría NUMAX acolle a presentación de Poemas de amor, rabia y fénix de Paula Requeijo Rey, publicado por Ediciones en Huida.

Poemas de amor, rabia y fénix é a experiencia dun mesmo, do outro e da contorna a través do amor de parella. O azar reúnenos con seres humanos que nos levan a aprehender con forza o espazo e o tempo, a redescubrirnos. É unha viaxe que nos traslada ao centro de nós mesmos abríndonos a novos mundos, dándonos a potencia para ser. Neste camiño as emocións irrompen e mestúranse co tempo como impulsor. Un tempo que é natureza e espazo. Esa experiencia vivida encárnase en estrañeza e desasosego nalgúns instantes e revélase plenitude noutros. Transitamos a través doutras persoas para atopar novas formas.

Sobre a autora
Paula Requeijo Rei (Santiago de Compostela, 1983). É Doutora en Teoría da Información e profesora na Facultade de Ciencias da Información da Universidade Complutense de Madrid. É licenciada en Xornalismo pola Universidade Complutense. Cursou o Máster de Radio Nacional de España e traballou varios anos como xornalista na emisora cultural Radio 3.

Escribiu numerosos artigos académicos e capítulos de libro sobre medios de comunicación e comunicación política. Foi investigadora visitante na UNAM (México) e na Universidade de California (Estados Unidos). Apaixónanlle a música, o cinema e a poesía pola súa capacidade de facernos vivir. "Se son poeta ou actor non é para escribir ou declamar poesías, senón para vivilas" (Antonin Artaud).