Cinema

O artista Carlos Pazos presenta en Numax a proxección do seu filme «Art¡ss!mo»

O vindeiro martes 13 ás 19:15 contaremos coa presenza do artista Carlos Pazos (Premio Nacional de Artes Plásticas 2004), que presentará e participará no posterior coloquio de Art¡ss!mo, «Película de citas» ou «colaxe para ler» do universo das artes plásticas e literarias que realizou entre 2012 e 2015. Sesión organizada en colaboración coa Galería Trinta.
(IMAXE: Alberto Gamazo)

Art¡ss!mo recolle anacos de máis de 1.800 filmes, desde Méliès até a data de edición da película, en outubro de 2015, que reflicten a visión, case sempre estereotipada, que o cinema transmite da arte e o seu mundo, en particular da arte plástica e literaria. A presentación e a proxección do filme, nun pase único o martes 13 ás 19:15, está coorganizada pola Galería Trinta, onde Carlos Pazos inaugurará unha exposición o vindeiro xoves 15 de decembro que levará por título "Cuadros y cuadra".

Como é habitual no seu traballo, Pazos emprega a técnica do colaxe para construír un discurso, pois entende a cultura como acumulación e a cita como instrumento de propagación. En Art¡ss!mo, aplica esta técnica ao cinema, reflectindo a visión dos mundos da arte e a literatura que as películas transmiten, sen distinción de xénero, orzamento ou data de nacemento.

El mesmo explica o nacemento do filme deste xeito: «Cando atopo algo que me gusta empezo a coleccionalo. (...) Empecei a visionar e acumular sen máis filmes que facían referencia á pintura. Despois empecei a recortar fragmentos. Ampliei o círculo á linguaxe escrita e empecei a construír un filme con cachos de filmes que ofrecen unha visión do mundo da arte e da literatura, do artista, a súa vida, do ámbito social no que se move, do diñeiro como motor do seu traballo, da estrutura das galerías, os museos...». (Entrevista publicada en El Mundo el 25-10-2015).

Carlos Pazos (Barcelona, 1949) é un dos artistas máis heterodoxos e persoais do panorama estatal. A súa obra sitúase entre as dúas principais liñas de forza da arte española da segunda metade do século XX: o Informalismo e o Conceptualismo. O seu traballo comeza baixo a pegada da Arte Pop europea e desenvólvese cara a linguaxe do obxecto, da ensamblaxe e da asociación de significados. A súa obra está relacionada tamén coa Arte Povera, onde os elementos cotiás e os seus códigos iconográficos adquiren gran protagonismo. En Pazos teñen influencia tamén o Neodadaísmo, o Surrealismo e a estética do silencio de Duchamp, Warhol e Broodthaers.

Pazos empezou a expoñer en 1969 na sala de exposicións do Ateneo Barcelonés. Desde entón, percorreu co seu traballo as mellores galerías e museos do mundo, como o MACBA (Barcelona), Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía (Madrid), Centro Georges Pompidou (París), Gallerie Camille Von Scholz (Bruxelas) ou Joan Prats Gallery (Nova York), entre outros.

No 2004 obtivo o Premio Nacional de Artes Plásticas.