Cinema

A mellor animación xaponesa chega ao verán de NUMAX con Petís Anime

Nos meses de xullo e agosto témosvos preparada unha programación moi especial que nos conducirá ao universo máxico do anime. Todos os filmes contarán con unha sesión dobrada e outra en VOSE.

Petis Anime quere achegar a mellor animación xaponesa a todos os públicos e idades, motivo polo cal cada sesión terá un pase en versión dobrada e outro subtitulado ao español para que ninguén quede sen ver nas mellores condicións as propostas do ciclo. Comezaremos co gran referente do anime contemporáneo, Hayao Miyazaki, que en Nicky, a aprendiz de bruxa, de 1989, asenta xa as bases que definirían o Studio Ghibli e o seu propio estilo. Seguimos coa tenra Mai mai miracle, dirixida por Sunau Katabuchi para o estudio Madhouse a partir da novela de Nobuko Takagi Mai mai shinko, gañadora do prestixioso premio Akutagawa.

A terceira cita do ciclo será c'Os nenos do mar, un «absoluto deleite para os sentidos» (Cinemanía) sobre a fascinación que tres nenos senten cara ás criaturas do mar. A banda sonora é de Joe Hisaishi autor da música d'A Viaxe de Chihiro. Neste repaso ao anime contemporáneo non podía faltar Mazinger Z Infinity, todo un mito da cultura xaponesa contemporánea que adapta o manga de Gō Nagai, creador do célebre robot.

Petís Anime continúa no mes de agosto coa deliciosa e ecoloxista Pompoko, de Isao Takahata (A princesa Kaguya), Okko, o hostal e as súas pantamas, de Kitarô Kôsaka, un dos animadores d'A viaxe de Chihiro e Akira e, para rematar a viaxe, The Wonderland, de Keiichi Harai, última creación do prolífico director de Colorful ou O verán de Coo.

Todas as películas son aptas para todos os públicos e están especialmente pensadas para menores de 12 anos.

Sábado 1 (VE) / Domingo 2 (VOSE) de xullo
Nicky, a aprendiz de bruxa (Hayao Miyazaki, 101, +5, 1989)

Sábado 8 (VE) / Domingo 9 (VOSE) de xullo
Mai mai miracle (Sunao Katabuchi, 95', +7, 2009)

Sábado 15 (VE) / Domingo 16 (VOSE) de xullo
Os nenos do mar (Ayumu Watanabe, 110',+5, 2019)

Sábado 29 (VE) / Domingo 30 (VOSE) de xullo
Mazinger Z Infinity (Junji Shimizu, 95', +7, 2017)

Sábado 12 (VE) / Domingo 13 (VOSE) de agosto
Pompoko (Isao Takahata, 119', +7, 1994)

Sábado 19 (VE) / Domingo 20 (VOSE) de agosto
Okko, o hostal e as súas pantamas (Kitarô Kôsaka, 95', +5, 2018)

Sábado 26 (VE) / Domingo 27 (VOSE) de agosto
The Wonderland (Keiichi Harai, 115', +12, 2019)