Cinema

Volve Petís NUMAX con «A rebelión dos contos» e Buster Keaton

Estamos moi felices de anunciar o regreso de Petís NUMAX, o noso programa de cinema infantil que, neste último trimestre do ano, terá lugar na primeira sesión da tarde de cada domingo. Volvemos este domingo 4 de outubro con A rebelión dos contos, con tarifa reducida para menores de 13 anos e entradas gratuítas coa tarxeta do ciclo. 

O cinema para crianzas está de volta en NUMAX cun programa cheo de aventuras e emoción en pantalla grande. A programación deste último trimestre do ano combina selectas pezas de animación actual, premiadas en festivais especializados en cinema infantil, con clásicos da comedia silente que prometen risas e ilusión entre as máis pequenas da casa. Lembra que o ciclo conta cunha tarifa especial reducida para menores de 13 anos e que selando a tarxeta do ciclo, que podes solicitar na nosa billeteira, por cada 5 visionados o sexto vai da nosa conta!

De acordo coas recomendacións sanitarias, a máscara é de uso obrigatorio para nenos e nenas de 6 anos en diante, se ben recomendamos, polo ben común do resto de usuarias da sala, o seu uso en todas as idades. Velaquí as nosas propostas para o mes de outubro:

Domingo 4 de outubro ás 16:40 | Domingo 18 de outubro ás 16:00
A rebelión dos contos (Jakob Schuh, Jan Lachauer, 2016, 58', VE, +6)
Adaptación do best-seller de Roald Dahl, Revolting Rhymes, que ofrece unha revisión moderna e politicamente incorrecta de clásicos da literatura infantil, un filme irreverente para nenos e nenas espertas e intelixentes. Nomeado aos Oscar 2018 a mellor curtametraxe de animación.
Entradas á venda >> https://numax.org/cinema/ficha/rebelion-dos-contos

Domingo 11 e 25 de outubro ás 16:00
Curtametraxes de Buster Keaton: O espantallo, Veciños, O grande espectáculo (Buster Keaton, 1920-1921, 59', VOSE, +6)
Selección dalgunhas das curtas máis tolas, célebres e xeniais do gran cara de pau.
Entrdas á venda >> https://numax.org/cinema/ficha/curtametraxes-burter-keaton