Cinema

Comedia silente e animación no Petís NUMAX de marzo e abril

Xa temos aquí a nosa proposta primaveral no ciclo Petís NUMAX. Os meses de marzo e abril acollerán grandes obras da animación xaponesa (Ponyo no acantilado) e británica (Strike), unha nova xema de Buster Keaton (A lei da hospitalidade) e dúas divertidas curtas para as máis petís da casa (Pippi e o señor sen sono).

A programación de Petís NUMAX para os meses de marzo e abril mantén o seu compromiso de achegar cinema de calidade a todas as idades, con tarifa especial reducida de 4€ para menores de 13 anos que acheguen a súa tarxeta Petís. Ademais, vindo a 5 sesións a seguinte vai da nosa conta. Neste novo programa, ampliamos sesións aos sábados, de maneira que cada semana haberá dúas sesións petís, unha primeira na matinal do sábado e a segunda os domingos na primeira sesión da tarde.

O mes de marzo arranca cun dos filmes máis emocionantes do gran referente da animación xaponesa contemporánea: Hayao Miyazaki. Adaptación libre d'A sereíña, Ponyo no acantilado ten por protagonista a Sosuke, un rapaz de cinco anos que coñece unha princesa peixe que ansía converterse nun ser humano. Unha obra humanista que celebra e preserva a relación coa natureza. Á escola da animación británica adscríbese Strike, divertidísimo stop-motion que recorda a xenial Wallace & Gromit. Mungo é unha toupa que acaba de comezar traballar na mina, negocio familiar desde tempos inmemoriais. O que el realmente quere ser é futbolista, pero teme decepcionar o seu pai.

Xa en abril retomamos a obra do xenial Buster Keaton, de quen xa proxectamos varias das súas curtametraxes e agora ofrecemos unhas das súas longas máis consagradas: A lei da hospitalidade. Para rematar o mes ofrecemos dúas curtas especialmente recomendadas para crianzas de 4 anos en diante: Pippi e o señor sen sono e A viaxe de Bu. Velaquí a programación completa:

6-7 e 20-21 de marzo
Ponyo no acantilado

(Hayao Miyazaki, 97', 2008, VOSE, +7)

13-14 e 27-28 de marzo
Strike
(Trevor Hardy, 95', 2018, VOSE, +7)

3-4 e 24-25 de abril
A lei da hospitalidade
(Buster Keaton, 74', 1923, VOSE, +5)

17-18 de abril e 2 de maio
Pippi e o señor sen sono
(VV. AA., 51', VE, +4)