Cinema

Petís NUMAX volve no verán con tarifas reducidas e entradas de balde

Chega o verán e volve Petís NUMAX cunha programación moi especial que vai ter lugar todos os sábados, domingos e festivos dos meses de xullo e agosto. Poderedes gozar da mellor animación para peques, anime, comedia muda ou clásicos do cinema cunha tarifa especial reducida para nenos, nenas e acompañantes e 1 entrada gratuíta logo de cada 5 visionados. Arrancamos!

 

O programa Petís deste verán conta con propostas variadas para todos os gustos e idades, comezando por pequenas alfaias da animación contemporánea destinadas ás máis pequenas da casa (Bo día, mundo!, O caracol e a balea, Animaladas de cinema) ou para un chisco máis grandes (Fritzi. Un conto revolucionario, As vidas de Marona), unha obra mestra do anime (Lembranzas de antano) pasando polos grandes clásicos da comedia máis física e visual (O circo, de Charles Chaplin, e Tráfico de Jacques Tati), ou filmes de acción real entretidos e educativos (Bo día, Celestial Camel).

As menores de 13 anos poderán solicitar a súa tarxeta petís á que en cada sesión poremos un selo coa nosa emblemática toupiña. Por cada 5 visionados terán dereito a unha entrada de balde. Ademais, tanto menores como acompañantes terán unha tarifa especial reducida de 4€.

2 – 3 xullo
O circo (Charles Chaplin, 72', VOSE, +6)
Charlot viaxa cun circo ambulante e devece pola filla do propietario, unha amazona que á súa vez está namorada dun esvelto trapecista. Última longametraxe silente do gran Charles Chaplin

9-10 xullo
Bo día, mundo! (Anne-Lise Koehler & Éric Serre, 61', VE, +5)
Un paseo pola natureza moi ben documentado que nos achega a unha fauna e unha flora de papel moi realista. A natureza acompáñanos e con ela coñecemos os seres vivos que a habitan: lucios, libélulas, píntegas, castores, mouchos, morcegos...

16-17 xullo
O caracol e a balea (VV. AA., 57', VE, +3)
Con espírito inquedo e ganas de descubrir mundo, un pequeno caracol embárcase nunha viaxe á cola dunha balea a través dos mares. Un día, a balea perde o rumbo e remata varada nunha baía illada. Como fará o pequeno caracol para rescatala?

23-24-25 xullo
Bo día (Yasujiro Ozu, 94, VOSE, +8)
Os pequenos Minoru e Isamu Hayashi viven cos seus pais e a súa tía nunha área residencial das aforas de Tokyo. Ante a negativa de seus pais de mercar un televisor emprenden unha folga de silencio.

30-31 xullo
Fritzi. Un conto revolucionario (Matthias Bruhn & Ralf Kukula, 90', VE, +8)
Alemaña do Leste, 1989. O muro que divide o país en dúas metades está a piques de ser derrubado. Fritzi, de doce anos, coida de Sputnik, o can da súa mellor amiga Sophie, mentres ela está de vacacións en Hungría. Chega o outono e Sophie non regresou. Fritzi e Sputnik emprenden unha aventura para atopala.

6-7 agosto
As vidas de Marona (Anca Damian, 92', VE, +7)
Despois de sufrir un accidente, unha cadeliña fai memoria e lembra os distintos amos que tivo ao longo da súa vida. Coa súa infalible empatía, Marona encheu de luz e inocencia todos os fogares nos que viviu.

13-14 agosto
Animaladas de cinema (VV.AA., 40', VE, +4)
Delirante adaptación de fábulas populares levadas á gran pantalla con sentido do humor e enxeño. Pequenas historias universais que conservan o carácter educativo orixinal e engaden creatividade e diversión.

15-16 agosto
Tráfico (Jacques Tati, 96', VOSE, +8)
Monsieur Hulot é deseñador de vehículos nunha empresa de automóbiles que foi convidada a participar nunha importante exposición do motor. Hulot, que deseñou un auto que se converte nunha casa con rodas, terá unha accidentada viaxe cara ao seu destino.

20-21 agosto
Lembranzas de antano (Isao Takahata, 118', VOSE, +8)
Taeko Okajima é unha moza que vai de vacacións á súa casa de Yamagata onde viviu a etapa máis feliz da súa vida. Na viaxe Taeko irá lembrando o seu pasado mentres vive intensamente o seu presente sen saber moi ben que facer coa súa vida.

27-28 agosto
Celestial Camel (Yuriy Feting, 90', VOSE, +8)
Nas estepas do Volga Baixo os kamulkos cren que o nacemento dun camelo albino é signo de boa sorte. Altynka é unha cría de camelo albino vendida polo patriarca da familia para poder facer fronte ao nacemento do seu novo fillo.