Libraría

Presentación do poemario «Metafísica da ausencia», de Marcus Daniel Cabada

Fotografía: Adrián González

O mércores 13 de febreiro ás 20:00 na Libraría NUMAX Marcus Daniel Cabada presenta Metafísica da ausencia (Urutau Editora), acompañado do editor Wladimir Vaz. Participarán tamén os poetas Antón Lopo, Carlos Lixó e Arancha Nogueira.

Marcus Daniel Cabada (Pontevedra, 1995) é escritor, poeta, xornalista, crítico literario e editor da revista Ligeia, publicación especializada en poesía contemporánea, xornalismo e investigación, da que ademais coordina a antoloxía de literatura latinoamericana. Influído dende moi novo pola lectura dos irmáns Grimm e de Esopo, escribiría o seu primeiro poema aos oito anos, e comezaría a publicar artigos e fábulas no Diario de Pontevedra  aos quince. Posteriormente, publicaría a novela lírica Triste escarlata (2013), o conxunto de relatos psicolóxicos Desagravio de la derrota (2015), e o poemario El llano circular  (2017). É creador e comisario do proxecto Ut pictura poiesis, conxunción entre poesía e arte como experiencia estética no marco da Biblioteca Pública de Pontevedra que relaciona as figuras de William Blake, Alejandra Pizarnik ou El Bosco. Como xornalista entrevistou, entre outros, a poetas como Óscar Hahn, Piedad Bonnett ou Hugo Mujica; como investigador do texto poético, ditou varias conferencias, entre a que destaca Símbolos y mitologías en el imaginario de la contemporaneidad poética . Filólogo en formación, desempeña dende 2016 a actividade docente de lingua e literatura en ensinanza secundaria e bacharelato, e tamén escribe en diversos medios de comunicación. A finais de 2018 foi incluído na antoloxía Dentes para a mazá [doce poetas en creación], editada por Chan da Pólvora. Metafísica da ausencia  é a súa primeira obra en galego.

Israel Sanmartín sobre o libro

Metafísica da ausencia é unha procura da ausencia que nace preñada por un anticristo que vén para asasinar toda presenza redentora e enclaustrala no esquecemento da historia. Ao final, a ausencia é o todo, que é o mesmo que a nada, o que nos  devolve á partida entre “Alguén” e “Ninguén” co escenario dun horizonte gris que paraliza todo argumento estético e que activa aos reporteiros que transmiten para nós ese enfrontamento coas cartas marcadas entre ese traizoeiro “Alguén” e ese ferido “Ninguén”. O autor tenta establecer unhas regras para a partida e recorre á memoria, a cal se amosa como un xuíz que “anda” e “ desanda” os versos e que constrúe unha distancia que leva aos recordos e ao silencio. Alí é onde as flores exercen de reporteiras e de rastreadoras das ausencias, dos recordos e das presenzas. A flora completa unha fraga aturuxada pola noite que fai de beira para un novo mar, que leva á ourela cunchas de odio e de amor, que nos axudan a crecer e a espallar sobre os nosos pés area para construír o noso camiño. O poemario sitúa a “Ninguén” vinculado á palabra, á nostalxia e plastifícao “enfronteirado” co soño e a consciencia. E presenta a “Alguén” como un espello para o “Ninguén”, que cociñan un universo de palabras sonoras. Ao final todo nos leva a un fin. É a nudez dos individuos que se sitúan fronte ao destino.