Libraría

A poeta Arancha Nogueira presenta «Antese» na Libraría NUMAX

A Libraría NUMAX acolle o venres 1 de abril ás 19:30h da tarde a presentación de «Antese» de Arancha Nogueira, poemario editado por Galaxia e que obtivo o Premio Victoriano Taibo 2021. Nesta actividade a autora estará acompañada por Lorena Souto, poeta e crítica literaria e Alberto S. Lozano, xornalista e crítico cultural.

O novo poemario de Arancha Nogueira, Antese, céntrase en dúas mulleres, nai e filla, e nun lugar: o xardín. O crecemento é o que teñen en común a poeta que escribe e as plantas. A partir de situacións cotiás, cunha poética baseada na linguaxe coloquial e nos símbolos dos medios dixitais, na música e na evocación de imaxes, Arancha Nogueira fai presente a circunstancia principal da vida: o acceso á liberdade. A  presentación de Antese en NUMAX terá lugar o venres 1 de abril ás 19:30h na Libraría NUMAX, e nela, a autora estará acompañada por Lorena Souto, poeta e crítica literaria e Alberto S. Lozano, xornalista e crítico cultural.

Desta volta, para asistir á presentación non é necesario reservar praza, a entrada será libre ata completar aforo. Para quen non poida achegarse, a actividade será retransmitida como vén sendo habitual a través das nosas redes sociais en Facebook e Instagram Live (@numaxcoop).

Arancha Nogueira naceu en Ourense. É licenciada en xornalismo, cursou un mestrado de literatura comparada e traballou como investigadora e docente predoutoral na Universidade de Santiago Compostela. Como poeta ten publicado Andar descalza, gañador do Francisco Añón en 2013, o único lugar onde ficar inmóbil coa editora Urutau, spleen en catro tempos con Toxosoutos, a comparsa e os ourizos con Leite Edicións, #hashtags para un espazo/confinamento agónico con Edicións Positivas e dente de leite, gañador do Johán Carballeira, con Xerais, en 2020. Recentemente estreouse tamén como narradora coa obra A mestra corremundos, dirixida ao público infantil e xuvenil, e publicada por Cuarto de inverno.Tamén ten participado en diversas antoloxías e revistas literarias como Ligeia ou Dorna e festivais e encontros poéticos como o Poemagosto, Cultura que Une ou Fala o Mar. En 2021 gañaba o Premio Victoriano Taibo 2021 con Antese editado por Galaxia.