Jean-Charles Hue visita NUMAX para a preestrea en España de Clan Salvaxe
O vindeiro mércores 15 de abril ás 20:15 teremos o privilexio de acoller no Cinema NUMAX o realizador francés Jean-Charles Hue. Hue chega a Compostela para a preestrea do seu último filme, Clan salvaxe, que se estrea nas salas españolas, e tamén en NUMAX, o vindeiro venres 17 de abril.
Jean-Charles Hue é un cineasta francés nacido en 1968. Desde 2003 filma as aventuras dos Dorkel, unha familia ambulante de ieniches do norte de Francia. A súa primeira longa, Carne Viva, explora a mitoloxía urbana de Tijuana. En 2010 filma a súa primeira fición, La BM du Seigneur, entre o polar e o western xitano.
En Clan salvaxe, un filme de acción, entre o thriller e o western moderno, Jean-Charles Hue segue a filmar a familia Dorkel, como vén facendo desde 2003. Non son realmente actores, senón xitanos ambulantes da comunidade ieniche que fan todos de si propios, como di el “esas persecucións foron todas de verdade, eu estaba alí (…) pero tanto ten se é documental ou ficción. Do que se trata é de ser críbel, que as situacións sexan psicoloxicamente coerentes e que os retruques non sexan ridículo, pois esta xente naceu cun volante entre as mans”.
Clan salvaxe concursou na Quinzaine des réalisateurs do Festival de Cannes 2014, foi Premio Jean Vigo 2014 ao mellor filme, mellor filme tamén no 32 Torino Film Festival 2014 e vén de ganar o premio Henri Langlois nos Rencontres Internationales du Cinéma de Patrimoine 2015. En España, púidose ver na competición Nuevas Olas do Festival de Cine Europeo de Sevilla 2014 e no IBAFF 2015.
Jean-Charles Hue estará acompañado pola responsábel da distribuídora Capricci España, Diana Santamaría, presentará o filme e ficará despois da sesión para manter un coloquio cos asistentes e atender as preguntas do público. Por cortesía de Capricci España, sortearanse entre os asistentes 10 exemplares da revista SOFILM.
Como xa é habitual coa presenza de convidados no Cinema NUMAX, a entrada para a sesión de preestrea de Clan salvaxe co seu director Jean-Charles Hue ten un custe único de 8€, con entrada reducida de 4,80€ para abonados colaboradores e abonados protectores de NUMAX.
Podedes mercar as entradas para esta sesión na nosa web.