Cinema

Presentación e coloquio de «Samsara» con Lois Patiño

O vindeiro mércores 20 de decembro terá lugar a estrea oficial en salas da agardadísima terceira longametraxe de Lois Patiño: Samsara. Dous días despois, o venres 22 ás 19:00h, en NUMAX celebraremos un evento moi especial con presentación e coloquio do cineasta vigués. O evento conta coa colaboración de Atalante Cinema e as entradas xa están á venda.

O cineasta vigués Lois Patiño é xa un habitual da casa. Tras visitarnos para presentar as súas dúas primeiras longametraxes, Costa da morte e Lúa vermella, Patiño acompañará a estrea de Samsara en NUMAX. No seu novo filme o cineasta vigués válese do libro tibetano dos mortos para emprender un percorrido lumínico e sonoro a través do bardo, nunha viaxe que nos leva por diferentes culturas e estados -desde os templos de Laos ás praias de Zanzíbar- no que o director reflexiona sobre a espiritualidade e a morte.

Cunha espectacular fotografía de Mauro Herce e Jessica Sarah Rinland, Samsara é unha proposta dunha ousadía sen precedentes nas salas comerciais deste país, propoñendo ao espectador o reto de percibir un fragmento da película cos ollos pechados, para converter a sala nun espazo de meditación colectiva. A súa audacia valeulle o Premio Especial do Xurado Encounters na pasada edición da Berlinale.

SAMSARA
Lois Patiño | 2023 | 113 min | Lao, Suajili | VOSE
Samsara é o ciclo budista da morte e reencarnación. Desde os santuarios de Laos, convivindo con monxes adolescentes, acompañaremos un alma no seu tránsito dun corpo a outro a través do bardo. As palabras do Libro tibetano dos mortos servirán aquí de guía para non nos perder polo alén. Un percorrido lumínico e sonoro que nos levará a reencarnarnos nas praias de Zanzíbar, onde grupos de mulleres traballan en granxas de algas.