Libraría

José Carlos Lorenzo Tomé presenta "Alma. Un sopro de aire fresco" na Libraría NUMAX

O xoves 1 de febreiro ás 20:00 o filósofo José Carlos Lorenzo Tomé, acompañado do tamén profesor e filósofo Alberto Sucasas, presenta la poliédrica Alma. Un sopro de aire fresco.

 

Alma. Un sopro de aire fresco (Baía Edicións, 2017) centra a súa historia na xeración beat, na xeración europea que sufriu guerras e posguerras española e europea, na persecución dos nazis, dos xudeus e xudías, da contribución de Galiza por medio das irmás ribadavienses Touza, na colaboración cos servizos secretos para salvaren o pobo xudeu dos campamentos de exterminio e propiciaren a súa fuxida a Portugal, África ou América, presentado de forma singular polo pensador Walter Benjamin. Unha obra poliédrica na que conflúen o ensaio, o diálogo e diversos xéneros literarios, postos ao servizo de resolver unha trama que percorre a obra e que procura poñer en valor o pensamento non abondo coñecido de Benjamin.

José Carlos Lorenzo Tomé naceu en Guitiriz (1954). Licenciouse en Bioloxía (1977) e en Filosofía (1984) pola USC. É doutor pola UNED (1999) cunha tese sobre Jürgen Habermas. Na actualidade é profesor de Filosofía no ensino secundario. Ten publicado, en ensaio, as obras Jürgen Habermas, O silencio dos deuses. Filosofía e literatura e Las identidades. Las identidades morales y políticas en la obra de Jürgen Habermas; en narrativa A cidade branca, Delourando os días, e Alma. Un sopro de aire fresco.

Alberto Sucasas é doutor en Filosofía e Ciencias da Educación, e profesor de Filosofía Moral na UDC. A súa actividade investigadora xirou arredor da tradición xudea e a súa proxección actual. Entre as súas obras destacan El rostro y el texto (La unidad ética y hermenéutica) e Memoria de la Ley. Ensayos sobre el pensamiento judío. Ten traducido as obras de A. Neher, M.-A. Ouaknin ou P. Ricoeur.