Libraría

Presentación e sinatura de «E se a memoria está na boca», de Ángel Suanzes

Retomamos as presentacións na Libraría NUMAX con Ángel Suanzes e o seu poemario E se a memoria está na boca, editado por Urutau. Estará acompañado de Pilar García Rego e será este xoves 8 de outubro a partir das 20h. Para asistir é preciso inscribirse no correo [email protected]. A maiores, habilitamos a opción de recoller o teu exemplar asinado polo autor se así nolo indicas na “Información para a recollida do pedido” da nosa tenda en liña.

Este xoves 8 ás 20h volveremos reunirnos para asistir a unha presentación literaria, con capacidade limitada e previa inscrición, na Libraría NUMAX, que disporá de todas as medidas de seguridade necesarias. O acto retransmitirase en directo na nosa canle de Instagram.

Ángel Suanzes concibe E se a memoria está na boca como "un proceso de desvestir o interior para que quede á luz". Propón neste poemario "un diálogo, unha conversa con alguén que non ten que ser necesariamente unha posible lectora, e convida a quen se achegue ao libro a adentrarse un xogo que busca a conversa entre diferentes narradores no espazo/tempo".

"Gustaríame que algún día, se houbera lectoras, xogaran a completar elas a súa propia frase entre aspas. Que a poesía non quedara nun monólogo e poidera dar lugar a un diálogo e a unha escoita para a aprendizaxe", di o autor. Nunha viaxe a través da ausencia, o desacerto, a fraude e outros desencantos, Suanzes presenta neste libro o tempo como única solución do desamor. "Por iso a memoria", engade, "por iso a néboa que sacude todo, por iso as fiestras e os reflexos, e por iso, esas fotografías que aportan todo o abandono que só o visual é quen de transmitir".

Na lapela, a escritora Iolanda Zuñiga describe os textos que o compoñen como "unha secuencia de fotogramas que o autor arrebola coma proxectís, co propósito de perforar a carne da lectora, sen danarlle os órganos, mais procurando que a metralla desalentada enquiste, e levede, nas súas entrañas".

Ángel Suanzes é licenciado en xornalismo pola UPSA. Leva desde finais dos 90 na práctica da profesión en diversas radios e televisións. Desde o 2006 exerce como xornalista cinematográfico na Televisión de Galicia (CRTVG), primeiro en Planeta Cine e desde o 2010 ata a actualidade no Zigzag Diario. Durante ese tempo, desenvolveu coberturas en festivais internacionais coma Cannes, Venecia ou San Sebastián e en eventos coma os Premios Goya. Presentou as galas de inauguración e clausura no Festival de Cine de Ourense e no Novos Cinemas de Pontevedra en varias ocasións e desde a súa conta de Twitter exerce de bardo día a día sobre os pormenores do cinema galego. Comunicador, chega á poesía nunha viaxe de ida e volta. Para el, escribir poesía é rebelarse, unha afirmación de dignidade, liberdade e autonomía espida nos versos, aberta ao mundo. O único xeito de comunicación no que a subxectividade é un aliado imprescindible e ben considerado.