Libraría

Bea Lema presenta a novela gráfica «O Corpo de Cristo»

A deseñadora e ilustradora coruñesa Bea Lema presenta na Libraría NUMAX O Corpo de Cristo, novela gráfica gañadora do XII Premio Castelao da Deputación da Coruña. No acto, que terá lugar o mércores 20 de xuño ás 19:00, Lema estará acompañada pola responsábel da área de Cultura da Deputación, Goretti Sanmartín. (Imaxe: Pablo Santiago)

O Corpo de Cristo é a primeira novela gráfica de Bea Lema, un cómic autobiográfico que trata a enfermidade mental desde a perspectiva dunha nena. A protagonista é unha filla que vive a patoloxía da súa nai, a cal non recoñece a enfermidade. Ela négase a medicarse, xa que considera que se trata dun meigallo. A novela mostra a resiliencia da rapaza fronte os problemas dos adultos. Con esta obra Bea Lema foi a primeira muller en gañar o Premio Castelao da Deputación da Coruña, no ano 2017, onde o xurado salientou a «intensidade dramática sen caer no sentimentalismo» dunha obra con «sensibilidade para contar patoloxías mentais desde o punto de vista infantil».

Bea Lema descubriu o mundo da ilustración e o cómic a través da nova xeración de debuxantes galegos. A súa primeira publicación foi Pasado ou Futuro?, un minilibro ilustrado premiado pola revista teórica de ilustración Fuera (de) Margen en 2015. Ese mesmo ano recibiu unha bolsa do Festival Internacional de Ilustración Ilustratour para participar no proxecto Ilustradanza. En 2015 tamén se publica O Diario de Raquel, con texto de Paco Climent.