Libraría

Presentación de «Dejad que las máquinas vengan a mí», de Luis Montero

Acompañado polo docente Eloy García e o socio de NUMAX Antonio Doñate, o escritor Luis Montero presentará o venres 27 de setembro ás 20:00 o ensaio Dejad que las máquinas vengan a mí (Enclave de libros, 2019).

Dejad que las máquinas vengan a mí é un libro de espellos, de reflexos infinitos que reflicten dúas superficies. É unha reflexión ontolóxica sobre aquilo que fai ao humano ser humano -o Principio de Humanidade Suficiente- a través de dúas proxeccións dese humano: as máquinas e as películas de ciencia ficción. As máquinas porque pasaron de executar aquilo que o humano non quería facer a converterse niso que o humano quere ser. E o cinema porque é a representación do que é hoxe o humano cando pretende representar o que será. E no encontro entre eses dous reflexos Luis Montero describe a un humano que, de tanto pretender imporse ao mundo remata por ser produto deste.

Aquel que producía o mundo rematou producido por este. Como non podía ser doutra maneira.

As máquinas son a mellor forma de autoexploración que creou o humano. Moito mellor que a filosofía. Son un exercicio, candoroso e inquietante á vez, de autocoñecemento. A listaxe de influencias recíprocas entre un e outro campo, a ciencia ficción e a teoría da mente, é innumerábel. As máquinas son a encarnación dese experimento mental que somos para nós mesmos. Pero non só iso. Son unha idea de nós mesmos con capacidade para transformarnos a nós mesmos e ao mundo que habitamos. Este libro é, por riba de todo, a constatación e a apertura dun novo espazo ontolóxico para o humano, un humano que deixaría de ser o que é para facer da máquina un humano.

Luis Montero naceu no 65. Estudou filosofía na UNED e publicidade na Complutense. Foi guía turístico, creativo publicitario e consultor estratéxico. Viviu en Madrid, Nova York, Londres, Frankfurt, Marrakech, Benarés e agora en Palma. Escribiu as novelas de ciencia ficción Artrópodos, Feliz Año Nuevo e Clon. E os ensaios de ontotecnoloxía Mundo-hecho e, agora, Dejad que las máquinas vengan a mí. Ademais, é parte fundamental do Colectivo Tamagotchi, dedicado á divulgación do impacto político da tecnoloxía, e imparte clases sobre a intersección entre Ontoloxía, Tecnoloxía e Deseño. Ultimamente pasea e monta en bicicleta.