Rosendo Cid presenta «El hombre que rayaba periódicos»

Acompañado por Chus Villar, o artista Rosendo Cid presenta na Libraría NUMAX este xoves ás 20:00 unha compilación de raiados de xornais que dan nova vida ás palabras impresas, froito do traballo dun blog diario.

A Libraría NUMAX acolle este xoves 15 ás 20:00 a presentación do libro El hombre que rayaba periódicos , de Eduardo Torres, alter ego do artista Rosendo Cid, que estará acompañado por Chus Villar.

«E. Torres é mexicano, posúe unha aura inverosímil e é un enfermo de literatura incapaz de escribir unha novela porque para el sería o máis difícil do mundo cando xa se teñen lido tantos libros sublimes. Tal vez continúe raiando ou elaborando outros proxectos». Con estas palabras describe Rosendo Cid ao seu alter ego.

E é que El hombre que rayaba periódicos é o resultado dun blog diario onde Eduardo Torres ataca parágrafos de xornais riscándoos con ímpetu para facer saír frases poéticas, ocorrencias, axiomas ou o que xurdise, sempre entre liñas.

(Imaxe: Miguel Villar)

A publicación do libro celebrou a chegada aos mil raiados do blog, e contén sesenta pezas inéditas.

O traballo de Rosendo Cid (Ourense, 1974) parte de claves que abranguen desde un certo espírito dadaísta, xa que a miúdo emprega obxectos ou imaxes sen manipular, até o cuestionamiento de certa gravidade ou solemnidade que parece rodear á arte contemporánea. Todo iso mediante o traballo en series, do que se deriva un entendemento da arte como proceso variable e constante.

A súa obra pode identificarse coas actitudes metodolóxicas do grupo literario OuLiPo.

Chus Villar é licenciada en Historia da Arte nas especialidades de Arte Contemporánea e Patrimonio. Desenvolveu a súa labor profesional na Galería Trinta durante 14 anos, sendo encargada xeral dende o 2007 e directora da mesma durante o último ano e medio.