Libraría

Anxo Rabuñal, José Luis Gallero e Martí Peran presentan «Escribir y dibujar, en el fondo, no son lo mismo»

O sábado 30 de novembro ás 19:00 Anxo Rabuñal, José Luis Gallero e Martí Peran presentan na Libraría NUMAX Escribir y dibujar, en el fondo, no son lo mismo, unha obra que explora a dimensión plástica da escritura no marco da pintura do século XX. 

A encrucillada palabra-imaxe delimita un dos campos de estudo máis fondos, extensos e inesgotables que poidan acometerse. Fiel ao título da colección, este volume constitúe unha fulgurante inmersión na sima onde o visual e o verbal entretecen as súas raíces. Da man de Magritte, Braque, Duchamp, Johns, Kandinsky, Miró, Picabia, Schwitters, Twombly..., os artífices de Escribir y dibujar, en el fondo, no son lo mismo —paráfrase dunha célebre frase de Paul Klee— exploran a dimensión plástica da escritura no marco da pintura do século XX, “un ámbito que pode ser tratado desde numerosos puntos de vista, algúns dos cales mereceron atención reiterada desde a filosofía ou a historiografía”. Ao redor deste traballo, froito da colaboración do crítico catalán Martí Peran e do investigador galego Anxo Rabuñal, o escritor Julià Guillamon afirma no epílogo: “Non só se trata dun ensaio iluminador, de referencia no tema que aborda: é tamén un modelo de liberdade, creatividade e rigor”.

Anxo Rabuñal é investigador privado e editor intermitente, libreiro en Novaniké e paseante. Coeditor de Favorita e de Trilateral, editor do Teatro Proletario de Cámara, entre as súas publicacións: Barcelona murs (con Genís Cano, 1991); O lado da sombra: sedición gráfica e iniciativas ignoradas, raras ou desacreditadas (2005), Català-Roca en Compostela (2014), O problema da existencia (2015) e Cómo se cuelga un cuadro (2017).

Martí Peran é profesor de Teoría da Arte da Universidade de Barcelona, coeditor da revista Roulotte e autor de Indisposición Xeral: Ensayo sobre la fatiga (2016). Entre os seus proxectos curatoriais figuran figuran Post-it city: Ciudades ocasionales (2008-2011), Esto no es un museo: Artefactos móviles al acecho (2012) e After Landscapes: Ciudades copiadas (2015).

José Luis Gallero publicou, entre outros libros, Antología de poetas suicidas (1989 y 2005), Solo se vive una vez: esplendor y ruina de la movida madrileña (1991) e Heráclito: Fragmentos e interpretaciones (2009).

Julià Guillamon é crítico do diario La Vanguardia, comisario de exposicións (Literaturas del exilio, 2005) e autor de textos como La ciutat interrompuda: De la contracultura a la Barcelona postolímpica (2001) e El dia revolt: Literatura catalana de l’exili (2008).